Sanxenxo agradece coa Cebola de Ouro ao conselleiro de Cultura polo seu "papel fundamental" no novo colexio de Vilalonga
Por Redacción
O conselleiro Román Rodríguez será distinguido coa Cebola de Ouro porque, segundo sostén o goberno local, "Sanxenxo débelle moito ao Conselleiro de Cultura e Turismo", que cando era titular de Educación "tivo un papel fundamental para que as obras do novo colexio de Vilalonga vaian iniciar proximamente".
"Coa entrega dunha Cebola de Ouro o Concello quere demostrarlle ao conselleiro o seu agradecemento por facer realidade o novo colexio", xustificou o goberno local do Partido Popular.
Nun comunicado, o Concello de Sanxnexo sinala que en xuño de 2017 Telmo Martin, xa como alcalde, tivo a primeira reunión co entón conselleiro de educación "e tal foi a súa receptividade e comprensión que só uns meses despois o orzamento da Xunta de 2018 incluía unha partida específica de máis de 4 millóns de euros para a construción do novo colexio".
"Meses despois, o conselleiro seguiu demostrando que o compromiso co colexio non era só de palabra, senón que era unha decisión firme que se concretaría con novos pasos. Así, a conselleria a pedimento do Alcalde revisou o proxecto estándar, para melloralo e proba diso é que a licitación finalmente ascendeu a máis de 5 millóns de euros", apunta o Concello.