As Festas das Dores, as máis participativas da historia de Ponte Caldelas
Por Redacción
As Festas das Dores, que durante os últimos días encheron de vida Ponte Caldelas cun programa festivo denso e atractivo, foron as máis multitudinarias que se lembran na localidade.
Así o asegurou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, que fixo balance e indicou que a música, o folclore, as procesións, as representacións teatrais e os espectáculos infantís constituíron o eixe central dunhas "festas para lembrar" que, ademais, tiveron un importante impacto económico sobre o comercio, as casas rurais da zona e a hostalería local, pois Ponte Caldelas viviu xornadas multitudinarias, con visitantes chegados das catro provincias galegas, que fixeron gasto na localidade e contribuíron á dinamización da vila.
"Estamos diante das Festas das Dores máis atractivas e máis participativas de toda a historia do municipio", sinalou Andrés Diaz, que se amosou moi satisfeito cos resultados desta edición, dado que foron quen de atraer a decenas de miles de persoas. A Alameda caldelá quedou pequena en varias ocasións para acoller ao público.
En concreto, destacou o cheo total nas actuacións de Olympus e El Combo Dominicano e tamén a asistencia á cita do sábado, coas orquestras Superfama e o grupo América S.L, que foi espectacular e por enriba de todas as previsións.
Tamén foi "un éxito"” a quinta edición do Caldelas Xoven que neste 2019 contou coa presenza, entre outros, de Famous (gañador de Operación Triunfo 2018) e de Ricky Merino (ex concursante de Operación Triunfo 2017) e resultou destacada a aceptación do Festival Folclórico e do Festival 'Son de Caldelas', que estiveron cheas ambos os dous días, así como o numeroso público presente nas representacións teatrais a cargo de Malasombra Producións e as Mulleres Rurais de Ponte Caldelas, especialmente esta última.
O ambiente festivo en Ponte Caldelas prolongouse durante as Festas das Dores, como quedou ben claro coas sesións vermú nos concertos das bandas de música invitadas. Estas sesións, segundo dixo Díaz, "gustan moito á xente e son sempre un éxito, máis este ano que o tempo nos acompañou durante todas as festas".
O alcalde remarcou a gran presenza de público durante a procesión do martes, que estivo acompañada pola Banda de Gaitas Os Coribantes e a Banda de Guerra da Brilat, este ano as rúas estaban repletas de xente.
Relacionadas:
-
Forzáns revalida a súa devoción polos seus callos nunha nova Festa dos Callos
Por Redacción |
-
Nove horas de verbena co Combo Dominicano poñen fin ás Festas das Dores de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Cheo na Alameda de Ponte Caldelas para a Red Tour da orquestra Olympus
Por Redacción |
-
Os 'triunfitos' Famous e Ricky Merino tamén triunfan en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
3, 2, 1... Ponte Caldelas está en festas!
Por Redacción |