ENCE asegura que usa como combustible un aceite "sen maior impacto sobre o medioambiente que o fuel"
Por Oskar Viéitez
A dirección da empresa ENCE ven de emitir un comunicado no que cualifica de "información falsa" os datos difundidos este mércores polo concelleiro de Medio Ambiente, Iván Puentes e pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) sobre o uso de aceites como combustibles non autorizados na fábrica de Lourizán.
No encontro mantido este mércores no Concello de Pontevedra o colectivo ecoloxista trasladou a súa preocupación "ante o posible emprego de aceites usados contaminantes na planta de biomasa de Ence, unha cuestión que, tal e como reiteran, non está permitida pola lei".
A dirección da pasteira asegura no seu comunicado que "Ence desmente tallantemente estas acusacións".
Ademais puntualiza que a fábrica de Pontevedra "cumpre rigorosamente a súa Autorización Ambiental Integrada (AAI) e non utiliza, de ningún xeito, combustibles nin ningún outro produto incompatible coa devandita Autorización".
Engade o comunicado de Ence que a planta pontevedresa "utiliza combustibles auxiliares para o arranque e parada do seu proceso de produción, que se suxeitan rigorosamente á normativa e lexislación vixente". Tamén resaltan que Ence Pontevedra produce a práctica totalidade da enerxía que precisa para operar "con fontes de xeración e coxeración renovables e limpas".
Ademais asegurán que a fábrica de Lourizán "seguindo o establecido pola orde ministerial APM/205/2018, do 22 de febreiro, que regula o uso como combustible de aceite procesado, aproveita este tipo de combustible nos mencionados procesos de arranque e parada. Ence esixe a todos os seus provedores un certificado que avale que cumpren cos requisitos establecidos pola citada orde".
Finalmente, desde a dirección de engaden no seu escrito que "O uso deste combustible é un claro exemplo de contribución por parte de Ence á Economía Circular e unha boa mostra de reutilización dos recursos, neste caso dun aceite con certificado de calidade e sen maior impacto sobre o medioambiente que o fuel. Neste sentido, a planta de Lourizán reutiliza e confire un novo valor aos materiais e recursos que emprega para operar, tanto desde o punto de vista produtivo como enerxético".
Relacionadas:
-
Medio Natural "manterase vixiante" ante o posible emprego de aceites na pranta de biomasa de Ence
Por Redacción |
-
ENCE recibe o certificado "Residuo cero" de AENOR para a súa fábrica de Pontevedra
Por Redacción |
-
ENCE nega usar combustibles "incompatibles" coa súa autorización ambiental e tomará "medidas legais" contra APDR
Por Redacción |
-
A APDR pide que se investigue a Ence por queimar 18.000 toneladas de aceite usado contaminante
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |