Marín recupera a celebración da festa de San Caralampio, patrón dos "chiquiteiros"
Por Redacción
O vindeiro domingo recuperarase en Marín o tradicional día de "San Caralampio".
A celebración correrá a cargo do grupo de cantos de taberna "Os Saljariteiros" que acolleron con entusiasmo a proposta de recuperar o festexo tras unha década perdido, desde a desaparición do "Xaranga-llo Manga-llo", que era a comparsa que o organizaba.
"San Caralampio" era un reflexo da mesma festa que ten lugar na vila coruñesa de Melide, de onde era orixinario o falecido Jesús Novo quen trasladou a idea a Marín. Estas dúas localidades galegas chegáronse a hermanar festivamente por esta causa.
"San Caralampio" é un personaxe singular que ostenta o título de "Patrón dos Chiquiteiros", un "santo" que tiña a súa "capela" na recentemente desaparecida taberna "La Navarra".
Os compoñentes do " Xaranga- llo Manga- llo" saían cada primeiro domingo de setembro coa súa imaxe percorrendo as tabernas interpretando a canción-himno da festa ademais dalgunha que outra peza composta para a ocasión.
O vindeiro domingo serán "Os Saljariteiros" os que saquen ao santo de paseo co mesmo fin para terminar sobre a unha da tarde na alameda onde se montará unha "capela-taberna" con invitación aos asistentes para brindar pola festa.
No transcurso do acto estarán presentes membros da antiga comparsa escenificándose dalgún modo o traspaso da organización desta festa de agora en diante ao grupo de cantos de taberna.
Os asistentes maiores de idade poderán degustar un "chiquito simbólico" de bo viño achegado para a festa por Distribucións Manolo, de Seixo, e haberá tamén a clásica tapa para acompañalo, todo iso gratuitamente ata esgotarse as existencias.
Relacionadas:
-
San Caralampio, de taberna en taberna por Marín
Por Redacción |
-
Nova edición dos Cantos de Taberna nos bares de Marín
Por Redacción |
-
A muller e a música, protagonistas no VII Memorial Antonio Fernández
Por Almu Dapena |
-
Marín encherase de música durante as festas da Virxe do Porto
Por Almu Dapena |