Mar repoboará con especies autóctonas bancos marisqueiros da Illa, O Grove e Cambados
Por Redacción
A Consellería do Mar subvenciona a repoboación con especies autóctonas dos bancos marisqueiros de 8 confrarías, entre elas as de A Illa de Arousa, Cambados e O Grove.
Esta iniciativa enmárcase dentro da convocatoria de axudas de 2019 a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños.
Segundo informou a conselleira do Mar, Rosa Quintana o financiamento desta iniciativa chega a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e supoñerá unha repartición de 680.000 euros entre todos os proxectos beneficiarios. A convocatoria deste ano é aberta, polo que desde a Consellería anímase ao sector para presentar o maior número de iniciativas.
Ademais dos proxectos que prevén a repoboación de especies autóctonas, nesta resolución tamén se inclúen traballos como remover o substrato ou a achega de áridos para promover a reprodución dos organismos mariños, co que as actuacións de rexeneración afectarán a máis de 365.000 metros cadrados de superficie.