Uns 300 comercios de Pontevedra súmanse á campaña da "Volta ó cole"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Uns 300 comercios de toda Pontevedra sumáronse á campaña municipal "Volta ó cole" que se desenvolverá entre os días 1 e 15 de setembro.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presentou este venres na Casa da Luz esta iniciativa que sorteará sete vales por valor de 100 euros para canxear por produtos nos locais adheridos á campaña.
Yoya Blanco subliñou a descentralización desta campaña coa "incorporación dunha ducia de establecementos ubicados en barrios como Monte Porreiro, A Parda e O Burgo".
Neste sentido, a edil socialista amosouse moi satisfeita de que a campaña acadase un dos obxectivos que se marcou para este mandato, "que é o de extender tódalas propostas e iniciativas que se fagan máis aló do centro da cidade e levalas tamén aos barrios".
A "Volta ó cole" pretende premiar a fidelidade dos clientes e incentivar as compras no comercio local de Pontevedra durante este período de forte investimento en material escolar, uniformes, libros ou roupa deportiva.
Os establecementos adheridos de xeito voluntario terán visible un cartel no escaparate así como un talonario de boletos para a recollida do teléfono do cliente co selo da tenda, que deberá ser cuberto polo propietario no momento da venda.
A web do Concello exhibirá unha base de datos cos comercios participantes, entre os que se inclúen librarías, tendas de roupa e calzado, e tamén ópticas, perfumerías, mercerías, xogueterías, xoiarías, moblarías, herbolarios, floristerías e perruquerías.
Realizaranse sete sorteos de 100 euros en cada vale de compra para gastar integramente en sete dos locais comerciais da campaña. Os sorteos levaranse a cabo na Casa da Luz o vindeiro 24 de setembro ás 13.00 horas e os premios serán comunicados por vía telefónica.
Os gañadores disporán dun mes, a partires do día seguinte ao sorteo, para canxear o vale íntegro en calquera dos 300 establecementos participantes.