Rematan as vacacións escolares e pechan as ludotecas de verán
Por Redacción
O mes de agosto chega ao seu final e con el rematan as vacacións escolares e pechan as ludotecas de verán.
BARRO
Así, cunha festa infantil púxose o peche ao "Espazo de lecer" 2019 en Barro.
Durante os meses de xullo e agosto foron máis de 150 nenas e nenos os que participaron neste servizo ofertado polo Concello de Barro cada verán, que conta con financiamento do Departamento de Igualdade da Deputación de Pontevedra, co obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar ao tempo que se fomenta a igualdade de xénero e a prevención da violencia de maneira transversal en toda a programación que se leva a cabo.
Este ano volveron a superarse as previsións en canto ao número de participantes, o que vén demostrar a confianza que teñen as familias nesta actividade enfocada a pasar un verán divertido ao mesmo tempo que se aprenden habilidades e destrezas en distintas actividades e se fomenta a convivencia entre as nenas e os nenos.
BUEU
En Bueu foron un total de setenta rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos os que participaron durante xullo e agosto no programa "Verán Activo", posto en marcha polo Concello co obxectivo de dinamizar as vacacións estivais con actividades lúdico-educativas e de animación e que se celebraron nas instalacións do CEIP A Pedra.
CUNTIS
No Concello de Cuntis celebrouse o "ActiVerán", unha programación enfocada para tódolos públicos pero moi especialmente nos máis cativos que están a desfrutar das vacacións escolares.
As actividades foron moi variadas e abarcaron dende cursos de novas tecnoloxías, campus multideporte, excursións, ou talleres de diferentes temáticas.
Sen embargo, cabe destacar a aposta do concello por unha das súas señas de identidade como é a Fundación Terra Termarum coa celebración dun taller de cerámica na que os pequeño puideron ter unha introducción a este campo que posteriormente poderán completar durante o curso escolar en forma de actividade extraescolar.
MARIN
A Festa de Fin dos Campamentos de Conciliación do Concello de Marín foi un éxito cunha enorme participación de usuarios de todas as quincenas tanto dos campamentos urbanos como dos rurais.
Nenos e nenas de idades comprendidas entre 3 e 12 anos divertíronse ao longo dos meses de xullo e agosto e quixeron tamén participar na despedida cunha festa final, con actividades, xogos, música e unha gran festa da escuma, finalizando cun pequeno petisco para as familias e participantes.