Sorprendente petición de man na Peregrina: "No te gustó. ¿Me vas a perdonar esto?"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A escena resultou insólita. Ás 19.30 horas deste venres, a praza da Peregrina atopábase repleta de paseantes e de turistas. Unha parella de pontevedreses, Tania Prieto e Álex Rey, paseaban como en tantas outras ocasións polo centro da cidade. Tania pediulle ao mozo que subiran ao adro da capela. De súpeto, alí aparecían familiares e amigos da parella, Álex pensou que se trataba da celebración dun aniversario.
Nese momento, Tania sorprendía ao noivo pedíndolle a súa man. Prostrábase de xeonllos e ofrecíalle unos xemelgos de compromiso. A muller mostrábase moi emocionada e con bágoas nos ollos ante a sorpresa do noivo, irmán da ex concelleira María Rey, que tamén se achegou á inusual cerimonia.
Álex aceptou a petición de compromiso matrimonial mentres Tania preguntáballe nerviosa: "No te gustó. ¿Me vas a perdonar esto?". O noivo respondeu, cun sorriso, "claro que si", ante a celebración da familia e mesmo de curiosos que asistían á escena.
A parella leva dous anos moceando e a Tania ocorréuselle esta petición durante estes días en que ámbolos se atopan de vacacións. Decidiu unir as dúas familias e levar a cabo este orixinal acto en público.
Unha vez recibidas as felicitacións, Álex dixo que ía un momento ao estanco para buscar tabaco. Ela preguntou espontaneamente: "pero vas volver, non?", ante a gargallada de todos os asistentes. E é que os dous afirman que os que lles une é o sentido do humor. Que sexa por moitos anos!