A concellería de Medio Natural proxecta unha faixa de protección contra incendios en Monte Porreiro
Por Redacción
Iván Puentes, o concelleiro socialista responsable da concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, indica que durante as últimas semanas se levaron a cabo actuacións de roza en espazos verdes da contorna do campo de fútbol de Monte Porreiro e nas pistas de xogo próximas á instalación deportiva.
Con estes traballos quérese iniciar un proxecto ambicioso para crear unha faixa de protección contra incendios que circunde toda esa zona da urbanización pontevedresa.
Este escudo iniciouse xa nos laterais dunha pista que comunica coa rúa Reino Unido, entre o centro de saúde e a estación de bombeo; e terá continuidade ao longo do ano.
Segundo expón o concelleiro, as brigadas municipais de Parques e Xardíns levan a cabo un "excelente labor" en Monte Porreiro con intervencións periódicas planificadas a curto e medio prazo. Con este proxecto, a concellería quere dotar ao barrio dun mecanismo que sirva para previr ante a posibilidade dun incendio forestal.
Sinala tamén, ante as críticas dalgúns veciños, que durante este verán supervisouse a situación de diversas parcelas non axardinadas de titularidade municipal para a súa posta a punto. Desta forma, sinala que se realizaron limpezas en profundidade en varios terreos próximos ás rúas Grecia e Reino Unido.
Tamén indica que se están levando a cabo os procedementos administrativos para acometer limpezas por execución subsidiaria en casos de propietarios que incumpren co mantemento das súas parcelas. Neste sentido afirma que xa se executaron tallas de árbores perigosas e limpezas de catro leiras na zona da rúa Portugal e a roza dunha decena de parcelas nas proximidades ás rúas Dinamarca e Holanda, na contorna do parque do Miradoiro. Iván Puentes espera que estean completamente limpas ao longo deste mes.
Parques e Xardíns tamén realizará traballos de limpeza e mellora do noiro e das zonas verdes na entrada do barrio, desde as vías do tren na zona da praia fluvial ata a rotonda da rúa Grecia, ademais de anunciar que se realizarán traballos de limpeza nas instalacións da antiga Escola Taller.