O vento desprende chapas metálicas empregadas nas obras da residencia do CGTD
Por Diego Torrado & Redacción
Os bombeiros do Parque de Pontevedra acudían ao redor das 20.00 horas deste domingo 2 de setembro ata a residencia de estudantes do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), situado na rúa Padre Fernando Olmedo.
Este edificio atópase en obras de mantemento das instalacións e debido ao forte vento do nordés que sopraba durante a tarde deste domingo desprendéronse varias chapas metálicas que se están utilizando na obra.
Os bombeiros retiraron o material e revisaron a zona para evitar que se producisen novas incidencias. Os desprendementos non provocaron danos persoais. Ata a residencia tamén se desprazou unha dotación da Policía Local.