A Deputación adxudica 51 novas bolsas para prácticas de FP no estranxeiro
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a adxudicación por parte da Xunta de Goberno celebrada este luns das novas bolsas de mobilidade para o alumnado de FP participante no proxecto "Practicum Depo 2018".
Trátase da sexta mobilidade e, como subliñou Silva, a penúltima desta iniciativa bianual, que deu comezo coa primeira saída de alumnado no 2018 e rematará o 31 de maio de 2020 coa chegada do sétimo grupo.
Silva lembrou que o obxectivo deste programa de mobilidade para mozas e mozos titulados de Formación Profesional "é colaborar na súa integración no mundo laboral a través de prácticas profesionais en empresas e institucións estranxeiras".
Para esta nova mobilidade, a Deputación vai destinar 354.355 euros para 51 alumnos de 18 centros educativos da provincia, que permanecerán en Finlandia, Grecia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal durante 162 días (algo máis de cinco meses).
Ata o momento, incluíndo o vixente de 2018, a institución provincial leva postos en marcha catro "Practicum Depo", nos que en total está a investir máis de 2 millóns de euros.