Cuntis pon en marcha un programa de prevención de caídas dirixido a maiores de 65 anos
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Igualdade e Benestar Social do Concello de Cuntis vai poñer en marcha un programa de prevención da fraxilidade e as caídas para persoas maiores de 65 anos.
Segundo a Organización Mundial da Saúde, as caídas son a segunda causa mundial de morte por lesións accidentais e non intencionais.
Dado que Cuntis ten unha poboación envellecida, o goberno local ponse como un obxectivo prioritario mellorar a calidade de vida e previr este tipo de accidentes a través de actividades como os obradoiros de memoria ou a ximnasia de mantemento.
Consiste nun programa de actividade física e está indicado para as persoas maiores que teñen máis risco de padecer caídas como son persoas con poliartrite, osteoporoses ou con algún tipo de prótese ósea, persoas con insuficiencia circulatoria, que padeceron ictus, parkinson ou outro tipo de enfermidade neurolóxica, persoas con problemas visuais (cataratas, glaucoma) ou con problemas nos pés como úlceras ou deformidades nos dedos ou calquera outro problema que lle afecte ao equilibrio e á capacidade para moverse.
O programa ten prazas limitadas e comezará o 10 de setembro ás 10:30 horas no Centro Xuvenil e Cultural Patelas. A iniciativa está cofinanciada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.
O Concello de Cuntis, que forma parte da Rede Española de Cidades Saudables, quere promover un envellecemento saudable e que a veciñanza gañe anos con boa saúde e libre de discapacidade.
Xa están rexistradas 20 persoas, 16 mulleres e 4 homes. Ademais, teñen en marcha unha campaña de ximnasia de mantemento na que están anotadas 45 persoas.
Ademais prestarán apoio a este sector da sociedade con consellos sobre o uso de dispositivos de apoio, revisión da medicación, tratamentos de corrección postural e de problemas visuais, redución de riscos domiciliarios ou uso de calzado e roupa inapropiados.