A transformación de Loureiro Crespo e O Castañal, 'en parrilla de saída'
Por Alejandro Espiño
Unha actuación "ambiciosa" que, en materia de reforma urbana, supón o investimento máis potente realizado polo Concello nos últimos anos. Así cualificou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, a obra que transformará Loureiro Crespo e o barrio do Castañal. O proxecto roza os 2,8 millóns de euros.
O Concello vén de aprobar o expediente de contratación desta reforma, que terá un prazo de execución de once meses. Xunto coa actuación principal en Loureiro Crespo, renovaranse as rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a Praza das Regas. Todas, segundo Gulías, terán os mesmos estándares de calidade do centro da cidade.
O proxecto, segundo destaca o executivo municipal, foi "participado" por veciños e comerciantes, que realizaron achegas que foron incorporadas ao deseño final deste ámbito urbano. Esta actuación, que estará dividida esteticamente en tres zonas, será realizada entre a Avenida de Lugo e a praza pública creada diante do Provincial.
Quedará un único carril de circulación, que será de entrada na cidade, e aumentaranse as prazas de estacionamento reservadas para servizos.
Así, desde a rotonda entre Loureiro Crespo e a Avenida de Lugo ata Casimiro Gómez ampliaranse as beirarrúas, que serán de baldosa e granito, e o espazo para o tránsito dos coches será máis estreito.
O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada. Renovarase ademais a iluminación, o mobiliario e todos os servizos.
Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto e irá de Casimiro Gómez a Antón Fraguas.
Nesta zona farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito e a beirarrúa da dereita de lousa vulcano, a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis e á dereita o de servizos.
Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa. Nos extremos deste ámbito, crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con tres e dúas bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.
Por último, entre Antón Fraguas e o Hospital Provincial alongarase a praza coa instalación de dúas bandas laterais de lousa vulcano e unha parte central de formigón negro en plataforma única. Plantarase o mesmo arborado que no resto da praza e haberá máis mobiliario urbano.
No que respecta ao barrio do Castañal, o proxecto inclúe como mellora a pavimentación destas rúas, xa que a renovación dos servizos soterrados asúmese no proxecto principal.
As reformas previstas nestas rúas serán de dous tipos. Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. Os alcorques serán de ferro cortén, similar ao de Virxe do Camiño. O carril de circulación irá en formigón negro con faixas de pedra, similar á praza do Hospital.
O resto de rúas, Forcarei, Amor Ruibal e Mestre Soutullo, polas súas dimensións, serán de plataforma única cun tratamento similar ao xa iniciado na avenida de Lugo. A praza das Regas, pola súa banda, actuará como distribuidor de tráficos da zona, polo que será necesario facer certos retoques nas esquinas.
Relacionadas:
-
Pontevedra probará medidores ambientais en Loureiro Crespo e O Castañal
Por Alejandro Espiño |
-
Doce empresas presentan ofertas para reformar Loureiro Crespo e O Castañal
Por Redacción |
-
O Concello presenta aos residentes do Castañal o proxecto de reforma do barrio
Por Redacción |
-
A reforma urbana de Loureiro Crespo amplíase ao barrio do Castañal
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra invertirá o seu superávit en reformar Loureiro Crespo e renovar a iluminación rural
Por Alejandro Espiño |