A Casa da Cultura de Ponte Caldelas conta cunha aula de novas tecnoloxías
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas conta, para o novo curso escolar, cunha aula de novas tecnoloxías situada na Casa da Cultura. Un espazo composto por 12 ordenadores de última xeración e que se converteu nunha realidade grazas aos fondos europeos Leader, cofinanciada co Feader e no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
Esta aula contou cun investimento total de 17.144,92 euros, dos cales o 90% proveñen destes fondos e o 10 % restante foi financiada polo concello de Ponte Caldelas.
Unha aula que contará cun carácter itinerante, actualmente está xa instalada para o novo curso na Casa da Cultura pero o obxectivo, tal e como afirma o alcalde de Ponte Caldelas, "é que teña un carácter itinerante co fin de chegar ao rural do noso concello, eu son do rural e sempre o defenderei, ao igual que sempre tentarei que dende estas poboacións de Ponte Caldelas se viva en igualdade de oportunidades".
Esta aula de novas tecnoloxías conta con 12 ordenadores Inter Core I5 de oitava xeración, 8 xigas de memoria RAM, disco SSD, trátanse ademais de ordenadores all in one (todo integrado nunha única peza), pantalla panorámica de 24 pulgadas. Ademais a aula tamén conta cunha pantalla para proxeccións de 2x2, unha impresora multifunción láser color de 27 ppm (páxinas por minuto), un portátil para o profesor coas mesmas características que os anteriores e un punteiro láser.
A partir do mes de setembro comezarán a impartirse os cursos nesta aula de novas tecnoloxías no concello de Ponte Caldelas. Andrés Díaz confirmou que "estes cursos serán promocionados e informarase debidamente dos mesmos a través dos PIV (Puntos de Información Veciñal no concello) e tamén a través das redes sociais".
O alcalde agarda que estes cursos "teñan unha gran aceptación entre os veciños" e augura un gran éxito na súa posta en marcha no rural. Díaz considera que "deste xeito e unha vez máis o concello de Ponte Caldelas amosa que goberna para todas e todos sen distinción do lugar onde se resida".