A Xunta reforza a loita contra o furtivismo en terra e mar
Por Redacción
A Consellería do Mar está a desenvolver diferentes actuacións para reducir a incidencia do furtivismo, co obxectivo final de protexer os recursos mariños e que os profesionais poidan manter a súa actividade e obter boas rendas polo seu traballo. É un traballo continuado que, nos meses de verán, coa afluencia de visitantes ás nosas costas, require actuacións especiais.
Cada verán o Servizo de Gardacostas realiza unha media de máis de 500 inspeccións nos areais galegos que se chegan a saldar cunha media de preto dunha tonelada de marisco comisado.
No primeiro semestre deste ano, os controis do Servizo de Gardacostas de Galicia permitiron detectar un 11% máis de infraccións, ao contabilizarse 1.621, e elevar un 88% as incautacións, ata superarse os 10.400 útiles requisados, case o dobre que no mesmo período de 2018.
O POLBO, NO PUNTO DE MIRA
As actuacións en materia de inspección e vixilancia permitiron seguir o rastro a unha das especies máis desexadas por parte dos furtivos: o polbo. Os axentes do Servizo de Gardacostas reforzaron os controis por zonas e tempadas, especialmente no mes de xullo, xusto despois da veda. Trátase dun produto de gran calidade, que alcanza moi bos prezos no mercado e de fácil comercialización, polo que resulta moi atractivo para os furtivos.
Este control permitiu aumentar as incautacións de nasas sen identificar ou colocadas de maneira irregular, con preto de 5.500 retiradas.
PLAN INTEGRAL DE LOITA CONTRA O FURTIVISMO
Desde a posta en marcha por parte da Xunta en 2009 do Plan Integral de Loita contra o Furtivismo, aumentouse nun 35% a media anual de inspeccións, un 40% tanto as infraccións detectadas como as incautacións e triplicar a media anual de produtos do mar comisados.
Desde a Consellería do Mar tamén se destaca a importancia de que o furtivismo estea tipificado como delito desde 2015, unha medida defendida pola Xunta e que contribúe a protexer o traballo dos profesionais e disuadir aos infractores.
RENOVACIÓN DA FROTA DE VIXILANCIA
A loita contra o furtivismo tamén require de medios técnicos e materiais continuamente actualizados. Por iso a Xunta atópase nun proceso de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia.
Só en 2019, a Xunta destinará catro millóns de euros á adquisición e modernización das embarcacións. Este investimento contribuirá a que nos próximos dous anos o Servizo de Gardacostas de Galicia conte con catro novas embarcacións. A maiores hai outro contrato adxudicado para a construción dunha patrulleira de altura que substituirá á Paio Gómez Chariño.
REFORZO DE EFECTIVOS
A mellora dos medios técnicos acompáñase dun reforzo dos medios humanos, que se foi realizando dun modo paulatino nos últimos anos.
O persoal operativo do Servizo de Gardacostas consta de 136 persoas, entre os servizos centrais, as unidades operativas repartidas polo litoral e o Servizo de veterinarios. Leste mesmo ano, cubríronse 20 prazas mediante o proceso de concurso-oposición.
Todos estes profesionais contan co apoio de ao redor de 140 guardapescas, cuxos contratos a través das correspondentes confrarías están subvencionados pola Xunta.
FURTIVISMO DE BAÑADOR
Durante os meses de verán, a Consellería do Mar detectou outra forma de furtivismo que, aínda que non move cantidades de produto tan importantes, si causa unha diminución na produción e desfeitas nas zonas de sementa.
É o chamado “furtivismo de bañador”, que se desenvolve nas praias coincidindo coa tempada de maior afluencia de bañistas. Desde turistas ata visitantes autóctonos, que mesmo poñen en risco a súa saúde ao consumir marisco sen control sanitario.
Para frear o “furtivismo de bañador” a Consellería do Mar desenvolveu nos últimos anos numerosas campañas de concienciación. A última delas é Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, desenvolta este verán por segundo ano consecutivo para concienciar a bañistas e turistas sobre a importancia do marisqueo e do dano que se fai ao traballo dos mariscadores profesionais cando se extrae marisco das praias. Entre xullo e agosto, a campaña estivo en 45 areais de 35 concellos. Son praias que reciben un importante número de visitantes e que contan con maior produción marisqueira.