Multado por conducir a súa moto bébedo, por enriba da beirarrúa e con dous acompañantes sen casco
Por Diego Espiño
A noite de marcha saíulle cara a un pontevedrés de 23 anos interceptado pola Policía Local na madrugada do venres ao sábado, arredor das 4:00 da mañá, na entrada dunha céntrica discoteca, situada na rúa Cobian Roffignac.
O mozo foi visto por unha patrulla dobrando a esquina dende a rúa Sarmiento conducindo unha motoclicleta Suzuki de gran cilindrada pola beirarrúa e con dous acompañantes que non levaban posto o casco.
O trío continuou a marcha pola beirarrúa ata deterse na entrada da discoteca, onde foron parados pola Policía Local.
Ao ser sometido á proba de alcoholemía, o condutor da moto deu positivo cunha taxa de 0,35, polo que os axentes procederon a abrir un expediente administrativo polo que deberá aboar 500 euros máis a retirada de catro puntos do seu carné de conducir.
Por se fose pouco o mozo terá que facer fronte a outras tres sancións por exceso de ocupantes, por circular estes sen o casco obrigatorio e por circular pola beirarrúa. En total máis de 1.000 euros por unha simple noite de copas.