Mulleres de Lourizán fan pilates e zumba na rúa ao non poder usar o centro social
Por Alejandro Espiño
A convivencia no renovado centro social de Lourizán non está a ser fácil. Iso, polo menos, é o que denuncia a Asociación Rural Mulleres de Estribela e Lourizán (Armel). As súas clases de pilates e zumba, que se iniciaban este luns, non comezaron con bo pé.
As participantes atopáronse coa desagradable sorpresa de non poder utilizar o salón de actos do centro social, situado en Estribela. Víronse obrigadas, a modo de protesta, a celebrar estas sesións deportivas na rúa.
A presidenta de Armel, Raquel Souto, explicou que esta situación está provocada polas discrepancias con outro dos colectivos aos que o Concello de Pontevedra permitiu usar estas instalacións.
En concreto, esta asociación ocupa un despacho no que se atopan as chaves da luz e os controis do aire acondicionado. Aínda que se lles indicou que esta estancia non podía pecharse con chave para poder acceder a estes mandos estes terían desatendido as indicacións.
As mulleres afectadas reclamaron a presenza da Policía Local para que esta levantase acta do sucedido e pediron que o Concello interveña para evitar que esta situación de repita.
Desde o goberno municipal lamentan que estas discrepancias se produzan, xa que é o único centro social onde existen problemas de convivencia.
Aseguran que se teñen que mediar entre os usuarios así o farán, pero confían en que non teñan que chegar a este extremo e esperan que as asociacións falen entre elas e organícense de maneira que todas poidan usar estas instalacións de maneira apropiada.