Moraña renova e moderniza os baños do colexio Santa Lucía
Por Redacción
O Concello de Moraña xa ten en marcha as obras de renovación integral de todos os cuartos de baño do colexio Santa Lucía co obxectivo de telos listos a vindeira semana para o comezo do curso escolar 2019/2020.
Esta actuación, que beneficiará aos máis de 450 membros da comunidade educativa entre mestres, alumnos e outro persoal, enmárcase no plan municipal de mellora das infraestruturas públicas, no que tamén se inclúen obras na antiga escola de Santa Xusta ou no novo local social de Alende.
Este investimento educativo foi financiado ao abeiro dunha subvención da Vicepresidencia da Xunta de Galicia pertencente á liña de axudas para acometer melloras nos edificios públicos.
A actuación foi adxudicada á empresa Actividades de Construcción, Edificaciones y Viales (Acevi). Terá un custo de 42.327 euros, que serán asumidos polo executivo galego e, nunha pequena porcentaxe, polas arcas municipais. Renovaranse os dezaseis aseos do centro.
A renovación integral dos aseos servirá para completar a modernización global do centro despois de que a Consellería de Educación investira 550.000 euros na súa rehabilitación enerxética e funcional o pasado verán.
O acondicionamento dos aseos excluíuse deste proxecto porque se trata dunha obra corrente que quedaba fóra da finalidade deste investimento.