A presenza dos bombeiros na rúa Daniel de la Sota causa gran expectación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os bombeiros de Pontevedra acudiron este mércores sobre as seis e media da tarde á rúa Daniel de la Sota alertados por un incendio no ático do edificio número 5, en cuxas primeiras plantas atópase a emisora de Radio Pontevedra.
O despregamento causou gran expectación e gran número de cidadáns seguiron con curiosidade a escena, aínda sen saber moi ben que é o que estaba a pasar.
Todo quedou nun susto sen consecuencias persoais. Uns elementos de decoración instalados no ático deste inmoble provocaron unha lapa que incendiou unhas macetas.
Un veciño do edificio lindeiro deu a voz de alarma e procedeuse ao desaloxo das vivendas lindeiras. Ao percibir o cheiro a queimado, un dos traballadores da emisora, o xornalista Iván Montáns, acudiu cun extintor para apagar o lume.
Inmediatamente acudiron ao lugar dúas motos e dous coches patrulla da Policía Local, outros dous da Nacional, unha ambulancia, e efectivos dos bombeiros de Pontevedra con dous vehículos, un deles o camión escaleira.
O incendio sufocouse tras baleirar un segundo extintor. Un susto.