Os socialistas reclaman no Parlamento a restauración da ponte medieval de Ponte Sampaio
Por Redacción
A parlamentaria socialista Patricia Vilán presentou este xoves unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que inicie "de inmediato" a restauración da ponte medieval que une Pontevedra e Soutomaior cruzando o río Verdugo, en Ponte Sampaio.
Vilán alerta da situación "lamentable" desta construción histórica e urxe a tomar medidas para protexela e frear o seu deterioro.
A responsable socialista reivindica un trato "acorde ao seu valor estrutural e relevancia histórica, perpetuando a memoria que a ponte significa", e mesmo solicítalle ao goberno galego que valore restablecer as dúas construcións de pedra que se atopaban na metade da ponte e que sinalaban a separación entre as dióceses de Tui e Santiago de Compostela.
Según indicou o PSdeG, a ponte atópase actualmente invadida pola vexetación, "con moitas pedras movidas e desencaixadas", e o pavimento da estrada autonómica que transcorre por ela "está levantado e rachado en moitos dos seus tramos" como consecuencia do tráfico que soporta, mentres a iluminación "roza o ridículo".
A esta situación súmase aos desperfectos que sofre cada ano o seu pretil, o último deles no pasado mes de agosto, "cando un condutor descoidado levou por diante varias pedras co seu vehículo".