Naturgy asegura que Pontevedra está "entre as primeiras de España" en calidade de subministración eléctrica
Por Alejandro Espiño
A pesar das continuas incidencias eléctricas que a cidade de Pontevedra rexistrou nas últimas semanas, a compañía distribuidora nega que a rede de subministración estea en malas condicións. Así llo garantiu Unión Fenosa Distribución, a comercializadora do grupo Naturgy, ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.
O goberno galego mantivo este xoves unha reunión cos responsables da empresa para, entre outros temas, abordar os apagamentos que sufriu Pontevedra os días 27 de agosto e 1 de setembro, episodios que deixaron sen luz a miles de abonados durante varias horas.
Unión Fenosa Distribución asegurou que xa analizou as distintas incidencias rexistradas e mostrou a súa "total disposición" a compartir os plans de acción definidos tanto co Concello de Pontevedra como coa Xunta de Galicia.
A este respecto, Cores Tourís solicitou á compañía que revise as instalacións que poidan ser similares ás afectadas durante o verán para avaliar a súa fatiga e a súa posible substitución por un equipamento novo.
A empresa prometeu facer un seguimento "intensivo" de todas as incidencias que se produzan en Pontevedra e informar á xefatura territorial das actuacións de mantemento que se vaian realizando.
A pesar diso, Unión Fenosa Distribución defende que cos plans de mantemento e os investimentos realizados nos últimos anos, a calidade da subministración eléctrica de Pontevedra mellorou de maneira "substancial", situando á cidade "entre as primeiras de España" segundo a medición que analiza o número de interrupcións, a súa duración e os clientes afectados.
No encontro co delegado da Xunta participaron o director de Unión Fenosa Distribución en Galicia, Julio Gonzalo, e o delegado da empresa en Pontevedra, Francisco Ramos. Ambos informaron tamén das actuacións que se están realizando para mellorar a rede eléctrica da provincia.
Entre outras, analizáronse os traballos nas liñas eléctricas que se alimentan desde a subestación de Nantes (Sanxenxo) e a empresa anunciou que proximamente comezarán as obras da saída a Meaño.
Relacionadas:
-
Naturgy volve fallar: novo apagamento no centro urbano de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Novas incidencias eléctricas no centro urbano durante a final do Mundial de baloncesto
Por Anxo Lourido |
-
Lores reúnese con Naturgy tras os continuos cortes de luz e avisa: "haberá que resarcir aos usuarios"
Por Natalia Puga |
-
Indignación contra Naturgy en Pontevedra ante o enésimo apagón na cidade
Por Redacción |
-
O Concello considera unha "tomadura de pelo" os cortes de luz e esixe solucións a Naturgy
Por Alejandro Espiño |
-
Novo corte eléctrico de máis de 4 horas de duración no centro da cidade
Por Redacción |
-
Dúas avarías provocan cortes de luz, algúns de máis de 3 horas, en numerosos puntos da cidade
Por Redacción | Creada e actualizada