Xornada de benvida ao novo alumnado do campus de Pontevedra
Por Redacción
O campus de Pontevedra acolleu este xoves unha xornada de benvida para achegar ao alumnado que neste curso 2019/2020 se incorpora á Universidade de Vigo información dos diferentes servizos que a institución académica pon a súa disposición, e facelo dun xeito lúdico, con música, demostracións ou xeados.
Numerosos estudantes viviron a súa primeira toma de contacto cos múltiples servizos e actividades da institución académica a través dos 18 postos informativos instalados entre as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia.
Resolvéronse as dúbidas sobre bolsas e axudas, tarxeta universitaria, mobilidade, emprego e emprendemento, voluntariado, teledocencia ou atención á diversidade, entre outras consultas.
A Área de Igualdade, Normalización Lingüística, o Centro de Linguas, a biblioteca ou as áreas de Cultura e Benestar, Saúde e Deporte formaban parte tamén desta recepción ao novo alumnado, na que contaban así mesmo cun espazo as delegacións de alumnado e o Consello de Estudantes, o Concello de Pontevedra e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
O acto contou tamén cunha actuación do gaiteiro Suso Baamonde, promovida pola Aula de Música Tradicional do campus, e nela estivo presente tamén o coro do campus e o monopraza da escudaría universitaria UVigo Motorsport.