A provincia de Pontevedra rexistrou en agosto unha ocupación media do 83%
Por Oskar Viéitez
A provincia de Pontevedra rexistrou no mes de agosto unha ocupación media do 83%, segundo os datos ofrecidos este venres en rolda de prensa pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que os cualificou como "moi positivos".
"Novamente a nosa provincia volve situarse como o puntal turístico de Galicia", valorou a mandataria socialista.
Carmela Silva lembrou que "as previsións eran máis pesimistas debido á mala climatoloxía" e sinalou que os informes de Meteogalicia confirman que este mes de agosto foi o segundo mes coa temperatura media máis baixa da década e con precipitacións que o sitúan como o agosto máis húmido do último lustro.
DATOS POR COMARCAS
En canto aos datos por comarcas, a do Salnés obtivo unha ocupación media do 88% destacando as localidades de Sanxenxo cun 90% e O Grove cun 86%.
A comarca de Pontevedra a media foi "magnífica" do 86%, que na capital superouse ao 87%. O Morrazo alcanzou tamén un "gran resultado" cun 86%, na comarca de Caldas a ocupación media foi do 76%.
Carmela Silva destacou que estes datos "da máxima fiabilidade" foron recollidos pola empresa Estratexia Plus S.L. "mediante enquisas realizadas con rigor e que teñen un nivel de confianza do 95%". Esta empresa, con sede en Pontevedra, obtivo a concesión deste servizo a través dun concurso público.
TURISMO RURAL
En canto aos datos de ocupación rexistrados no sector do Turismo Rural "só podemos falar duns resultados excelentes", destacou Carmela Silva ao cifrar nun 84% a ocupación media en toda a provincia durante o mes de agosto. Pontevedra foi a terceira provincia española cunha maior ocupación en casas rurais despois de Málaga e Cádiz, segundo o dato da web escapadarural. com recolleito pola Deputación.
Tamén os albergues tiveron unha ocupación "moi relevante" do 85%, a media de agosto dos cámpings foi do 75% e os castelos de Soutomaior e Sobroso sumaron 9.217 visitantes no mes de agosto.
Carmela Silva tamén se fixo eco dos datos que a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia ( AVITURGA) ofrece respecto a destinos de costa como Sanxenxo, Cambados, Vigo, Pontevedra, Poio, Nigrán e O Grove onde se conseguiu o 100%.
PERFIL
Atendendo aos datos recolleitos polo persoal das oficinas de información turística da Deputación de Pontevedra o perfil dos visitantes que acudiron ás Rías Baixas durante o mes de agosto é maioritariamente nacional, un 85%, destacando os procedentes de Madrid, Barcelona, Biscaia, Valencia e Valladolid. En canto ao 15% de estranxeiros chegou fundamentalmente de Francia, Reino Unido, Italia, Alemaña e Portugal.
A idades sitúanse entre os 35 e 60 anos, alóxanse en hoteis entre 7 e 15 días principalmente en Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, O Grove e Poio e chegan á provincia por cuestións relacionadas coa cultura e o lecer-natureza.
ESTIMACIÓNS PARA SETEMBRO
Finalmente a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva ofreceu as estimacións de ocupación que manexa Turismo Rías Baixas para este mes de setembro atendendo ás informacións que traslada o sector e que sitúan o dato medio no 51%.
"Sempre somos moi comedidos nas estimacións" puntualizou Carmela Silva.
Relacionadas:
-
Os hostaleiros de Caldas piden un maior control sobre os apartamentos turísticos
Por Redacción |
-
Os turistas que se aloxan en Pontevedra creceron un 15,1% en xullo e agosto
Por Redacción |
-
Datos positivos no sector turístico en setembro "pese á choiva"
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo solicitará ser declarado como territorio preferente de actuación turística
Por Redacción |