Os voluntarios de Protección Civil de Poio, condecorados coa placa de Ouro ao Mérito
Por Almu Dapena
A Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España condecorará á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio coa Placa de Ouro ao Mérito nun acto que se celebrará o o próximo 19 de outubro na Academia Galega de Seguridade Pública.
Con esa condecoración, queren recoñecer o exemplo e excelencia do traballo desinteresado que realizan os voluntarios de Poio durante todo o ano, indispensable para o desenvolvemento da seguridade en situacións de emerxencia como incendios, catástrofes naturais, rescates no mar, festas ou eventos deportivos.
Manuel Vicente Caamaño, presidente de Protección Civil de Poio e voluntario desde 1996, quixo facer un chamamento a todas as persoas que queiran botar unha man en Protección Civil porque "temos espazo para todas as persoas con vocación de servizo á cidadanía e que desexen formarse en emerxencias, con independencia da súa idade e condición", xa que actualmente contan con 28 voluntarios e necesitan máis para poder cubrir riscos concretos como incendios forestais.
Pola súa banda, Marga Caldas, concelleira de Seguridade Cidadá, quixo recoñecer o labor altruísta que realizan os homes e mulleres de Protección Civil de Poio, axudando e desempeñando un traballo de prevención e formación en emerxencias de maneira xenerosa e comprometida a través dunha formación continuada e, en moitos casos, poñendo en risco as súas vidas.