A mellora da seguridade viaria no ámbito do colexio Vilaverde chegará ata a Avenida de Lugo
A comunidade escolar do colexio Vilaverde atoparán un entorno moi cambiado cando, o próximo mércores, regresen ás aulas. Os operarios da empresa Elsamex está dando os últimos retoques ás obras de mellora de seguridade viaria que se executaron durante o verán.
Estes traballos, que comezaran o ano pasado, tiveron que ser suspendidos porque, unha vez que se levantou o pavimento, comprobouse que os servizos soterrados estaban moi deteriorados. Esta situación provocou que o proxecto se ampliara e optárase por retrasalo.
Aproveitando o fin de curso retomáronse as obras, que permitiron reparar as tubaxes de pluviais e fecais, crear unha plataforma única con preferencia para o tránsito peonil, habilitar un espazo para o estacionamento dos autobuses escolares, renovar a sinalización viaria e asfaltar en vermello toda a zona.
O resultado, segundo o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, é unha zona de coexistencia entre vehículos e peóns que terá dirección de saída única cara a Avenida de Lugo en horas escolares e no resto do día funcionar nas dúas direccións.
O proxecto definitivo ascendeu a case 300.000 euros.
O alcalde tamén explicou que esta actuación completarase no futuro mellorando o acceso desde a Avenida de Lugo ao colexio, o centro de ensino do rural con maior matrícula con preto de 450 nenos e nenas. Esta ampliación iniciarase "canto antes", segundo Fernández Lores.
Coa mellora da seguridade viaria no ámbito do colexio Vilaverde, o Concello avanza no seu obxectivo de protexer os centros educativos do municipio. A próxima actuación será en Xeve, onde xa se traballa nun proxecto que permitirá resolver os problemas de mobilidade nas inmediacións do centro escolar de Santa María de Xeve.
Para iso, recordou o alcalde, será precisa a colaboración da Xunta xa que en este ámbito hai dúas estradas de titularidade autonómica, que conectan Pontevedra con Campo Lameiro e con Moraña.