Cuntis convoca á veciñanza a participar nos obradoiros do Plan de Mobilidade Sustentable
Por Redacción
O Concello de Cuntis vén de iniciar a redacción do seu Plan de Mobilidade Sustentable (PMS), un proceso no que a participación cidadá xoga un papel destacado.
Facilítase a participación veciñal mediante a realización de enquisas, tanto a pé de rúa como online, así como a través da organización de varios obradoiros nos que a cidadanía poderá achegar tanto ideas como as problemáticas ás que se enfrontan no día a día en materia de mobilidade.
O desenvolvemento do PMS conta coa cofinanciación da Deputación de Pontevedra e servirá como ferramenta de planificación estratéxica do seu territorio a través do fomento dunha mobilidade sustentable, que procure unha accesibilidade universal e implique transformar múltiples hábitos da mobilidade urbana.
A implantación de formas de desprazamentos máis sustentables (camiñar, bicicleta, transporte público) está estreitamente ligada á redución da contaminación, mellora do entorno urbano e ao impulso da inclusión social.
Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor xa comezou a recoller as opinións da veciñanza mediante enquisas presenciais en distintos puntos do concello e a través dunha enquisa online que estará aberta ata o día 15 de setembro. Adicionalmente estase a avaliar a calidade do espazo público e localizando aqueles puntos sobre os que resultaría de especial interese actuar.
Dita consulta virá a sumarse ás mesas de participación cidadá, na que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar ao longo do día 17 de Setembro en horarios de mañá e tarde na Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres". De xeito adicional poderán enviarse suxestións ao correo electrónico cuntis@plandemobilidade.com .
MEDIO AMBIENTE E SUSTENTABILIDADE
A necesidade de desenvolver un Plan de Mobilidade no Concello de Cuntis xorde a raíz da crecente preocupación polo medio ambiente e o fomento de modos de transporte sustentables.
O plan comezou cunha fase inicial de toma de datos e análise da situación actual, fase tras a cal procederase á diagnose dos problemas concretos de Cuntis en canto á mobilidade e uso do espazo público. Este proceso permitirá orientar a busca de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sustentabilidade.
O PMS busca elaborar un modelo de mobilidade e accesibilidade orientado á mellora da calidade de vida das persoas, a seguridade viaria e respectuoso co medio ambiente. Para tal finalidade, é imprescindible contar coa participación de todas as institucións e axentes implicados no municipio para poder compartir opinións e suxestións sobre mobilidade neste espazo compartido.