Pablo Casado, a Feijóo na carballeira de San Xusto: "Alberto, Galicia te sigue necesitando"
Por Alejandro Espiño
Un ano máis, a carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade) foi o lugar elixido polos populares galegos para, ante un milleiro de persoas, abrir un novo curso político. Fixérono entre chamamentos á unidade e duras críticas á xestión de Pedro Sánchez. Pero, sen dúbida, a maior ovación foi para a petición expresa de Pablo Casado a Alberto Núñez Feijóo.
"Te necesitamos, cuando decidas y con quien decidas", díxolle Casado a Núñez Feijóo. Iso si, non en Madrid senón en Galicia. O líder do PP nacional pediu formalmente ao actual presidente da Xunta que opte á reelección nas eleccións autonómicas de 2020. "Alberto, Galicia te sigue necesitando", sinalou entre aplausos dos asistentes.
Casado, que quixo presumir da sintonía que ten co PP galego, destacou que Feijóo é "un ejemplo" para o PP, e valorou que con el na Xunta "las cosas se hacen bien", como "cuadrar presupuestos o pagar deudas" e non pretender "ser más que nadie", nin pedir "mejor trato" que a outras comunidades autónomas.
Por agora, haberá que esperar para saber se o presidente galego aceptará presentarse por cuarta vez. Non contestou, polo menos publicamente, á petición do seu xefe de filas. Aínda que poucos dubidan de que dará o paso, especialmente tras unha intervención na que, con claros aires de precampaña electoral, Núñez Feijóo puxo en valor a súa xestión á fronte da Xunta.
Con todo, gran parte do seu discurso estivo centrado no presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao que Feijóo acusou de tratar a Galicia con "desprezo" e sometela a unha situación de "chantaxe" a conta dos 700 millóns que Facenda debe á comunidade, unha situación que segundo advertiu "non o vou a aceptar".
"Non imos aceptar que se nos minta e que se nos poña ente a espada e a parede", sinalou o presidente do PP galego, que engadiu que este comportamento "non é xusto nin nolo merecemos" xa que Galicia, advertiu a Sánchez, "ten dereito a ter o que é noso e iso non é negociable".
Tras sinalar que esta reivindicación é unha cuestión de "respecto e dignidade", Núñez Feijóo asegurou que, ante o "sectarismo", a "frivolidade" e o "egocentrismo" do presidente do Goberno, "non vou admitir máis que se nos menosprecie, que se nos minta, que se nos prexudique ou que se xogue con Galicia e pido a todos os galegos que non o admitan"
Ademais, Feijóo apuntou que "non é casualidade" que Galicia sexa a única comunidade que Pedro Sánchez non visitou nunca como presidente ou que os ministros non se reúnan coa Xunta "cando veñen sen avisar". Isto débese, dixo, a que o Goberno "sente bochorno polo que dixo que ía facer e non fai" ou por como están "a tratar a Galicia".
"A SUMA EN GALICIA É O PP"
Ante a proposta de Casado de crear a coalición España Suma xunto a Cidadáns e Vox para unir o voto do centrodereita español, Alberto Núñez Feijóo deixou claro que "a suma en Galicia é o PP" e reclamou "non dividir máis o que xa estaba unido"
"Se dividimos o que estaba unido nunca seremos a alternativa á esquerda, ao populismo, ao nacionalismo e ao independentismo", sinalou Núñez Feijóo, que apelou á "responsabilidade" de converter ao PP no "gran partido de centrodereita, centroliberal e centro reformista que sempre foi".
Feijóo asegurou que o PP ten as "portas abertas" a todos os galegos, incluídos a todos aqueles que "de boa fe" votaron a outras opcións políticas e que, tras facilitar un posible goberno socialista, "déronse conta de que o PP sigue sendo a súa casa".
Pola súa banda, Pablo Casado sinalou que Pedro Sánchez, "por fin reconoce" que quere a repetición de eleccións, en alusión ás declaracións nas que este aludiu ao "risco certo" de ter que volver ás urnas.
"El riesgo cierto para España es Pedro Sánchez", quen segundo o líder do PP, "quiere ir a elecciones para acabar la jugada" de gobernar en funcións "sin hacer absolutamente nada".
Casado engadiu en que ese "riesgo" ao que alude Sánchez responde a que "a lo mejor" o PSOE acabaría rabuñando "unos escaños más", e recoñeceu que ao PP "le vendría ben" unha repetición electoral, porque a estas alturas, dixo, "nadie duda" de que o partido "ha crecido" nos últimos meses.
"El PP está preparado para ir y devolver a España el futuro que la izquierda le ha vuelto a quitar. Preocupación ninguna. Estamos fuertes, estamos unidos, y con las ideas muy claras", dixo. A pesar diso entende que sería "una enorme irresponsabilidad" volver citar aos españois ás urnas.