A Concellería de Educación investiu 142.000 euros na posta a punto dos colexios
Por Oskar Viéitez
Os centros educativos de Pontevedra "están en perfectas condicións para o comezo das clases". O Concello de Pontevedra vén de investir 142.000 euros na posta a punto de todos os colexios para que o vindeiro mércores o alumnado volva ás aulas e o atope todo nas mellores condicións.
O concelleiro de Educación, Tino Fernández, estivo este luns no CEIP Barcelos para comprobar o resultado das importantes actuacións que o seu departamento levou a cabo durante o verán neste centro escolar.
Os traballos contaron cun orzamento de 21.979 euros e traducíronse no pintado interior de todo o colexio (19 aulas, zonas comúns e portas), a ampliación da zona de secretaría, a eliminación das xardineiras da entrada, a substitución dos módulos de ventilación nas ventás dos baños e o alicatado dos baños de profesores.
Trátase dun dos 17 centros nos que a concellería que dirixe o socialista, en virtude das súas competencias en materia de mantemento, levou a cabo intervencións de cara ao inicio do curso académico 2019-2020 e das que este luns se rematou de pasar revista.
Ademais das executadas no CEIP Barcelos, tamén se realizaron obras significativas na EEI Fina Casalderrey, na que se investiron 22.648 euros para reparar a cuberta do patio de xogos; o CEIP Campañó, onde se destinaron 18.621 euros ao arranxo do muro exterior (que fora desprazado polo empurre da raíz dunha árbore) e ao peche da pista cuberta, e o CEIP Froebel, no que unha achega de 18.089 euros permitiu reparar o patio de céspede de Educación Infantil e efectuar un pintado integral e cambiar teitos, luminarias e portas en dúas aulas da planta baixa.
A Concellería de Educación tamén investiu máis de 13.000 euros na ampliación do comedor escolar e o acondicionamento do patio exterior (con xabre) do CEIP Manuel Vidal Portela, mentres que un orzamento de 8.431 euros fixo posible a reparación de canalóns da cuberta, a reposición e limpeza de pavimentos de xogos infantís, o cambio de dous radiadores e a revisión de parte da rede de saneamento do Marcos da Portela.
Unha achega de 7.290 euros permitiu efectuar arranxos no posto de conserxaría, así como o pintado de tres aulas, xogos, pavimento exterior e varandas no CEIP San Martiño de Salcedo. Contías semellantes, de 6.592 e 6.576 euros respectivamente, foron destinadas ao pintado interior e a reparación da beirarrúa exterior do CEIP A Xunqueira I e á reparación de canalóns e baixantes de cuberta do colexio A Xunqueira II.
O departamento que dirixe Tino Fernández tamén levou a cabo durante o verán o pintado interior da EEI de Verducido cun investimento de 5.584 euros e mailo pintado de xogos na pista deportiva do CEIP Ponte Sampaio cunha achega de 3.388 euros.
No colexio Vilaverde (Mourente) fíxose, grazas a un orzamento de 4.416 euros, o pintado de espazos na planta baixa e diversos traballos na vivenda do conserxe, mentres que no CEIP Campolongo se realizou o arranxo da ventilación dos aseos e a corrección das filtracións no ximnasio (por 1.482 euros) e na EEI Crespo Rivas arranxáronse os armarios (por 1.633 euros).
Asemade, no CEIP Cabanas rematáronse os peches de seguridade das ventás, no CEIP Carballeira efectuouse a limpeza con auga a presión dos paramentos verticais dos patios de xogos e no colexio Álvarez Limeses arranxáronse os problemas de humidades dunha aula de Infantil.
Relacionadas:
-
O verán chegará con obras en 20 colexios públicos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Varias escolas de Marín súmanse ao servicio de comedor
Por Redacción |
-
O cinema como ferramenta de aprendizaxe para o novo curso escolar no CEIP Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Lores e Tino Fernández animan ás familias a escolarizar aos nenos en colexios do rural
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
En Pontevedra 8.034 escolares de educación infantil, primaria e especial comezarán o curso o vindeiro mércores
Por Oskar Viéitez |