Detidos en Ourense dous individuos que conducían un coche con matrículas roubadas en Poio
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Ourense detivo este luns dous individuos pola subtracción dun vehículo en Vigo. As placas de matrícula que levaba o coche foran roubadas en Poio.
Un dos detidos, de 45 anos e veciño de Ourense, ten numerosos antecedentes policiais e carece de permiso de conducir en vigor. Ademais no momento da detención portaba varias papelinas con cocaína.
Segundo informaron fontes da investigación, a Policía Local de Poio recolleu o sábado 7 de setembro a denuncia dun particular ao que lle roubaban as placas de matrícula do seu vehículo, unha Peugeot Partner, que se atopaba estacionada no aparcamento exterior do Centro Comercial A Barca.
Os axentes da Policía Local de Poio introduciron a numeración da matrícula na base de datos policial o que permitiu aos municipais de Ourense a identificación como roubada da placa que levaba un Citroën Xsara, que fora substraido en Vigo ese mesmo sábado.
A policía deulle o alto cando circulaban polo barrio de Covadonga detendo ao condutor e ao seu acompañante, de 23 anos e tamén ourensán.
Agora a Policía Nacional fíxose cargo dos detidos e investiga a súa participación noutros feitos delituosos.