Cidadáns urxe a constitución do Consello Municipal de Deportes
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Cidadáns, Goyo Revenga, presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno do Concello de Pontevedra na que urxe convocar e constituír o Consello Municipal de Deportes "ante a deriva e a falta de horizonte do deporte local" desde a desaparición do Instituto Municipal de Deporte, que foi disolto en xullo de 2016.
Segundo explicou Goyo Revenga este martes en rolda de prensa, o problema actual é que nin o anterior equipo de goberno nin o actual constituíu un órgano de participación dos clubs e asociacións deportivas do municipio.
Cidadáns entende que é "prioritario" para o deporte do municipio a creación dese consello e "desde unha oposición construtiva" presenta esta proposta ao pleno do concello.
"Desidia? Falta de interese? Incapacidade? Ignoramos os motivos desta pasividade intolerable que pon en xaque o armazón deportivo da cidade", argumenta Goyo Revenga na súa moción.
Este Consello Municipal de Deporte encargaríase de promocionar a actividade deportiva, sería órgano de interlocución entre os clubs de base e o Concello, asesoraría á concellería, xestionaría as escolas deportivas e recuperaría os campionatos escolares, competicións entre os colexios e institutos do municipio.
Na súa moción Cidadáns tamén pide que se cren as bases reguladoras de subvencións do Consello Municipal de Deporte de Pontevedra destinadas a deportistas individuais federados e tamén que se instaure a Gala do Deporte Pontevedrés, onde cada ano se recoñeza e se poña en valor aos deportistas e clubs do municipio que destacasen na tempada anterior.