Volve a Festa da Ameixa de Campelo coa intención de superar os 20.000 euros de recadación
Por Anxo Lourido
Este venres 13 de setembro a Escola de Música tradicional de Poio será a encargada ás 20.00 horas de iniciar as actividades da XXXII edición da Festa da Ameixa que se desenvolve en Campelo.
Como noutros anos vai realizarse unha homenaxe ás 12 mariscadoras xubiladas no último ano, pertencentes ás confrarías de San Telmo, Lourizán e Raxó; e tamén van entregarse os premios do III Concurso de Fotografía para, a continuación, dar paso á actuación da Coral Virxe de Fátima e da Escola de Acordeóns de Campelo no interior da carpa gastronómica. A partir das 23.00 horas, o protagonismo será para Roi Casal, que ofrecerá o concerto 'Son galego son cubano' na praza da Granxa, un recital cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.
O concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luis Martínez, presentaba esta edición na que agardan que continúe producíndose un incremento de visitas turísticas co obxectivo de que igual que se demanda a ameixa (xapónica) de Carril nos restaurantes da península, tamén comece a reclamarse a ameixa babosa de Campelo.
Martínez indicou que a degustación de produtos será o sábado 14 e o domingo 15 e haberá actuacións folclóricas e actividades como o desembarco pirata con xogos dinámicos e actividades para o lecer para a rapazada que teña entre 5 e 14 anos. O sábado, ademais, terá lugar a actuación estelar de Coti na praza da Granxa.
Durante o domingo, tamén haberá unha exhibición matinal de oficios tradicionais, actuación da Banda de Música de Arcade e de grupos folclóricos, ademais do certame da Canción Mariñeira ás 20.00 horas. A festa rematará coa orquestra Gran Parada que subirá ao escenario da praza da Granxa.
Os prezos volverán ser populares: as ameixas con fideos e o arroz mariñeiro sairá por 7 euros a ración, mentres que as ameixas á mariñeira sitúanse nos 9 euros. Este ano xa se contrataron 500 quilos de ameixa, que se poden incrementar en caso de demanda, e a intención do Concello é que se superen as 2.000 racións repartidas en 2018.
Relacionadas:
-
A navalla, protagonista da fin de semana en Lourido
Por Redacción |
-
Valoración "moi positiva" da Festa da Ameixa, que esgotou toda a mercadoría
Por Redacción |
-
A Policía Local organiza un dispositivo de seguridade e tráfico pola Festa da Ameixa
Por Redacción |
-
A Festa dos Callos de Poio toma a chaira da Seca
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Poio prepárase para a 32 edición da Festa da Ameixa
Por Almu Dapena |