Garda Civil vs servizos de Emerxencias: marque quen marque, gaña a loita contra o cancro
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Domingo 15 de setembro. 17.30 horas. Campo municipal de As Corticeiras de Caldas de Reis. Á herba saltarán dous equipos de fútbol: un conformado por axentes da Garda Civil dos postos de Caldas de Reis, Cuntis, Vilagarcía de Arousa e Valga e outro por profesionais de distintos servizos de emerxencias das comarcas de Umia, O Salnés e Pontevedra. Ao terreo de xogo saltará un balón, pero o resultado non dependerá de cantos goles marque cada un na portería. O resultado realmente importante medirase no despacho de billetes.
Anoten a cita nas súas axendas e, chegado o día, non se esquezan de acudir, e, sobre todo, de facelo con espírito solidario, pois o que se disputará este domingo en Caldas non será un partido calquera, senón un con fins benéficos no que todo o diñeiro recadado na entrada destinarase á asociación Sonríe, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa na loita contra o cancro.
Para acudir tan só será necesario pagar os tres euros de entrada e, a maiores, para profundar nesa solidariedade que move o evento, todas as persoas que o desexen poderán levar alimentos non perecedoiros que serán entregados a Cáritas.
Este domingo non será a primeira ocasión en que deporte e espírito solidario se darán cita en As Corticeiras. O evento tivo unha primeira edición o ano pasado que, se se mira cara ao despacho de billetes, deixou como resultado unha recadación de 548 euros que Sonríe doou ao Grupo GEIS (Asociación Española de Afectados por Sarcoma). Se se mira cara ao marcador, gañou o combinado dos servizos de emerxencias na quenda de penaltis.
David Torres Suárez, voluntario de Protección Civil de Caldas e, xunto co comandante do posto da Garda Civil de Caldas, Luís Ángel García Álvarez, un dos impulsores da iniciativa, asegura que este ano o reto é máis ambicioso. "Este ano esperemos superar polo dobre" (a recadación), explica.
En canto ao marcador, non é o máis importante, pero ambos os equipos confesan os desexos de gañar. "O importante é participar, que ninguén se magoe", insiste o comandante da Garda Civil, pero acto seguido recoñece que o resultado final "case que o intuímos" e será que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado "estamos en plena forma, temos que gañar, sempre dentro das regras do xogo". De feito, xa levan algúns días adestrando.
Para os gardas, o partido é o desquite do ano pasado. Para os integrantes do equipo de emerxencias, a oportunidade de revalidar o resultado. "A Garda Civil vai perder", augura David Torres, que formará parte dun equipo no que haberá integrantes de Protección Civil, o 061 e o Consorcio Provincial de Bombeiros de Vilagarcía e Pontevedra.
A poucos días da cita no campo, representantes de ambos os equipos víronse as caras na Carballeira de Caldas e as bromas fluíron tanto como o balón, pois uns e outros insisten en que o importante é o fin benéfico, "poder seguir facéndoo moitos anos máis" e que se repita o ambiente vivido hai un ano.
Á quedada non faltaron representantes de Sonríe, unha asociación nada fai tres anos tras a morte de cancro dunha amiga e familiar dos seus membros, Yanin Búa, con tan só 25 anos. En nome do colectivo, Aida Méndez agradeceu á Garda Civil e os traballadores de emerxencias a iniciativa e anunciou que este ano os fondos recadados irán destinados a un grupo de investigación de leucemia.
Esta asociación naceu por Yanin, "no seu recordo e para axudar a xente que se vexa na mesma situación, como lle axudaron a ela" e o sorriso que esta moza sempre tiña na boca compártena agora todos os seus socios, que se mostran "super agradecidos de que nos elixiran" como beneficiarios da recadación.
Relacionadas:
-
O fútbol máis solidario xogouse este domingo en Caldas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Garda Civil e o Tenorio FS golean á violencia de xénero
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Garda Civil e o Tenorio FS disputan o sábado un partido pioneiro pola igualdade
Por Redacción |
-
Marcador de 6-4 no campo da Ran: xogaron o clero e a Garda Civil e gañou Cáritas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Garda Civil reta o persoal de emerxencias nun partido benéfico en Caldas
Por Redacción |
-
Gardas civís contra curas, un partido benéfico "por todo o alto" en Cuntis
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |