Aprobado definitivamente o proxecto de mellora da mobilidade na Avenida de Ourense
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este mércores a aprobación definitiva dun dos proxectos máis importantes para a humanización do casco urbano de Marín: a mellora da mobilidade na Avenida de Ourense.
En diante, procederase á licitación das obras, cun presuposto previsto de 1.4 millones euros e un prazo de execución de 12 meses. Da contía total que custará a actuación, un 80% será sufragado pola Unión Europea. O restante, aportarase por parte do Concello con fondos propios, coas partidas xa dirixidas para tal fin nos Orzamentos municipais.
Segundo explicou a alcaldesa, María Ramallo, o proxecto contempla a reorganización dos espazos públicos, priorizando ao peón e aos ciclistas, que contarán un carril bici practicamente continuo por toda a avenida ata o tramo de paseo que implica á contorna da Praza de España.
Ademais, renovarase o pavimento e haberá unha plantación de árbores de gran porte, cos que se conseguirán zonas de sombra ao longo dun paseo que é utilizado por marinenses de todas as idades.
Asimesmo, mellorarase a iluminación, "un cambio que é moi necesario e que comporta unha partida económica importante", asegura a rexedora.