Os socialistas denuncian que o curso escolar comeza con 36 aulas e 57 profesores menos na provincia
Por Redacción
O PSdeG-PSOE provincial denuncia a situación de "precariedade" coa que comeza o novo curso escolar 2019-2020.
"A crúa realidade", subliñou David Regades, secretario xeral provincial, é que a provincia de Pontevedra arranca con 36 aulas e 57 profesores menos no ensino público nos tramos de Educación Infantil, Primaria e Especial e cun "déficit escandaloso" de case 1.500 prazas nas escolas infantís da rede Galiña Azul.
Os datos foron dados a coñecer durante a xuntanza da Comisión Executiva Provincial, celebrada este mércores en Pontevedra. "A nosa provincia soporta o 90% do recorte en número de aulas públicas e o 100% do recorte en número de profesores de toda Galicia", destacou o secretario xeral.
David Regades subliñou que "continúa a aposta polo ensino privado da Xunta de Galicia", como demostra, segundo explicou, o "crecemento constante" dos concertos co ensino privado en tódolos niveis educativos, dende a Infantil ata a Formación Profesional.
Así, este curso mentres pechan 36 unidades na pública créanse 14 novas unidades concertadas na privada, ademais de prazas concertadas con garderías privadas de Vigo e Pontevedra.
No que atinxe á Educación Infantil (0-3 anos) referiuse á situación é "caótica", pois un total de 1.409 nenos da provincia de Pontevedra quedaron sen praza pública de gardería, "diante da precariedade da rede da Galiña Azul, xestionada polo Consorcio Galego do Benestar".
Os socialistas pontevedreses, afirmou Regades, consideran que son necesarias entre 30 e 50 novas escolas de educación infantil, segundo o número de prazas por centro, na provincia para pechar esta auténtica "ferida social" que deixa a centos de familias sen un servizo público básico e, por tanto, con menos posibilidades de conciliar a vida laboral e a familiar.
Por outra banda, os socialistas pontevedreses criticaron a "absoluta falta de planificación e seriedade" na xestión das obras nos colexios de Educación Infantil e Primaria, que son de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.