O Sergas reclama a cesión dun terreo ao Concello de Caldas para crear o novo centro de saúde
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) manifestou a súa intención prioritaria de construír en Caldas de Reis un novo centro de saúde pero alerta de que aínda se atopa á espera de que o Concello realice a cesión oficial dun terreo libre de cargas e gravames para que se poida acometer esta obra.
Segundo sinalan desde a Xunta, existe unha planificación desde hai tempo para mellorar os recursos de Atención Primaria neste municipio, que se vería confirmada coa construción do novo centro público. Sinalan que técnicos do Sergas trasladáronse a Caldas de Reis en varias ocasións para analizar localizacións propostas polo goberno local.
Con todo, atendendo aos informes técnicos, o Sergas enviou un escrito en marzo ao alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, no que se lle comunicaba que había parcelas que se adecuaban ás condicións solicitadas e, desde aquela, mantéñense á espera de que o Concello poña ao dispor da Xunta o terreo libre de cargas para iniciar o procedemento.
Nese escrito, segundo a Xunta, achegábaselle un borrador do convenio, coa intención de que se presentasen alegacións se era necesario. Segundo o Sergas nunca se recibiu resposta por parte da alcaldía.