O sector pesqueiro prepárase para reducir o impacto do Brexit
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O volume de negocio de empresas galegas pesqueiras co Reino Unido en 2018 ascendía a 80 millóns de euros, unha cifra que aumentaba a 200 millóns se se lle suman os produtos procedentes de Malvinas.
A aplicación do Brexit pode provocar un impacto importante na economía de sectores como o téxtil e o de automoción, ademais do pesqueiro. Por este motivo, o delegado do Goberno Javier Losada decidiu que se establecese un comité especial para cuestións marítimo pesqueiras. Este xoves mantiñan un encontro no edificio da Subdelegación de Pontevedra representantes das principais organizacións sectoriais de armadores, de empresas de conservas ou de transformación do peixe con técnicos de comercio, sanidade exterior, aduanas, agricultura e pesca; ademais da directora xeral de Pesca da Xunta de Galicia. A reunión era presidida por Maica Larriba, subdelegada do Goberno; acompañada por Sergio Prieto, director territorial da entidade pública ICEX Galicia e por Jaime Gayá, xefe da dependencia de Audanas de Galicia.
Na actualidade, segundo os datos ofrecidos por Larriba, ao redor de 70 barcos españois traballan en augas do Reino Unido pero moitas embarcacións con bandeira británica son de capital español que deixan a mercadoría en portos ingleses para despois trasladalos a Galicia, ademais da frota de Vigo que faena en Malvinas. Todos eles veríanse afectados polo Brexit. Inicialmente está previsto un período de transición para estes barcos ata outubro de 2020 cando se estableza un acordo entre a Comunidade Europea e o Reino Unido para a xestión das augas comúns. No caso de que non se alcance un acordo e se aplique o Brexit duro, estas embarcacións serán tratadas como estranxeiras e non poderán seguir pescando nesas augas.
#Ante esta situación, Maica Larriba indicaba que a Unión Europea prevé a adaptación de axudas e subvencións para tripulacións e barcos afectados ata que se negocie un acordo pesqueiro bilateral. O goberno español ten establecidos tamén plans de continxencia para cada sector afectado.
Ademais, a subdelegada afirmou que estas situacións de crises poden ser unha oportunidade xa que o bloqueo nun Brexit duro nos portos británicos ofrece vantaxes para os portos galegos ao permitir o transporte de mercadorías e persoas por uns procedementos máis sinxelos.
Na mesma liña, Sergio Prieto explicaba que o 30% das exportacións galegas ao Reino Unido proceden do sector pesqueiro e que as circunstancias van cambiar cando o Reino Unido pase a ser un "terceiro país" e sinalaba que será necesario adaptarse a esta situación para mitigar o impacto económico. Ante un Brexit duro, desde o ICEX entenden que é necesario coordinarse e traballar en conxunto para ver as necesidades a nivel de aduana, inspección e de frotas que poden xurdir.
Sinalaba, neste sentido, que se as augas de Reino Unido deixan de ser comunitarias, producirase unha concentración de frotas en augas comunitarias. Por este motivo, a comisión europea está pendente e estuda as propostas de retirada temporal de frota a cambio de utilizar o fondo marítimo de pesca.
Segundo explicaba Sergio Prieto hai 500 empresas que manteñen actualmente relación co Reino Unido, máis de 400 corresponden aos sectores de manofacturas (produtos químicos, metálicos, plásticos); bens de equipo e alimentario (sector pesqueiro e vitivinícola). A todas elas recoméndalles que se adapten á nova situación analizando as necesidades en materia de inspeccións aduaneiras, aranceis, loxística e comercio que van requirir.
Os cargos do Goberno tamén mantuviron un encontro con representantes doutros sectores empresariais ao longo desta xornada para afrontar os diferentes escenarios que se poderán presentar no futuro en relación co Reino Unido.