O PP reclama a redución do 10% no IBI que pagan os pontevedreses
Por Redacción
O Partido Popular defenderá no próximo pleno municipal unha moción coa que instan ao Concello de Pontevedra a aprobar unha redución dun 10% do imposto sobre bens inmobles, unha medida fiscal que beneficiaría a todos os pontevedreses.
Os edís Juanma Muñoz e Martín Martínez explicaron que os populares solicitan unha baixada do tipo xeral, tanto o urbano como o rural, do 0.64% ao 0.57%.
Esta redución, sinalaron, tería como fin reconducir de novo á economía dos pontevedreses o diñeiro que achegaron ao Concello estes últimos anos debido a unha "política fiscal errada".
Muñoz entende que este aforro permitiría fomentar o consumo na cidade, dinamizar o comercio, incentivar a economía local e estimular a creación de emprego.
O PP busca así "reverter" os efectos "prexudiciais" que provoca a "incapacidade" do goberno municipal en concepto de taxas e impostos.
Ademais, os populares coa vista posta no rural, pretenden que os veciños das parroquias "paguen o xusto e necesario", porque entenden que a cifra actual que pagan en impostos é "sangrante" para o rural e "aínda máis" cando os servizos que reciben, segundo denunciaron, son "ineficientes".
Nesta liña, o concelleiro popular Martín Martínez denunciou o "profundo abandono" que sofren as parroquias desde hai 20 anos, "que na súa maioría carecen das condicións mínimas básicas para o seu desenvolvemento".
"Os investimentos no rural son insuficientes, por non dicir nulas, a pesar de pagar como todos", asegurou Martínez, que esixiu un cambio de rumbo ao bipartito municipal.