Investigan as circunstancias que rodean a morte dunha muller que apareceu nun galpón de Lérez
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar as circunstancias que rodean a morte dunha muller cuxo cadáver foi localizado no galpón da súa casa da parroquia de Lérez cando levaba como mínimo un mes falecida. A falta do resultado da autopsia, todo apunta a que a muller faleceu por causas naturais, pero habería que determinar por que o cadáver estivo tanto tempo no galpón sen que ninguén dese parte do falecemento.
Fuentes consultadas explican que a muller estaba gravemente enferma e levaba tempo sen moverse da cama e tomando medicación. Estaba, segundo puido saberse, baixo o coidado dun dos seus fillos, que residía con ela.
A Policía Nacional tivo coñecemento a través da Fiscalía de que non había noticias da muller desde facía semanas, de modo que na tarde deste mércores unha patrulla dirixiuse á vivenda da familia. Unha vez alí, atoparon o cadáver no galpón e estaba na vivenda o fillo que a coidaba.
O home, segundo transcendeu, explicou que a súa nai falecera e non soubera como reaccionar, pois estaba asustado, de modo que non comunicou o seu falecemento a ninguén.
Un equipo forense, a comitiva xudicial e a brigada de Policía Científica desprazáronse ata a vivenda e ordenouse o levantamento do cadáver, que, segundo puido saberse, estaba en elevado estado de descomposición dado o tempo que permaneceu no galpón exposto ás altas temperaturas da última semana.
A autopsia determinará as causas exactas da morte e o momento da mesma, pero o estado que presentaba o cadáver e a declaración dos familiares e veciños fan pensar que a muller levaba morta máis dun mes e que non faleceu en ningún acto violento.