O parque infantil de Médico Ballina, pendente da autorización de Adif
Por Redacción
O escrito de consentimento que o Adif, responsable das infraestruturas ferroviarias, ten que remitir ao Concello é o último paso burocrático que queda pendente para que se poidan iniciar as obras de construción do novo parque infantil de Médico Ballina.
Superado este trámite, segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, os traballos sobre o terreo darán comezo de xeito inmediato.
As obras desta demandada área de xogos serán executadas pola empresa adxudicataria Bricantel España S.L. cun orzamento de 157.520,79 euros e levaranse a cabo nunha parcela de case 1.200 metros cadrados emprazada sobre a cuberta do túnel do tren.
O proxecto prevé crear unha zona de estancia destinada aos acompañantes dos rapaces no acceso ao parque e doutra traseira na que se instalarán os diversos xogos infantís.
A área de lecer para os máis pequenos contará cun peche perimetral, un pavimento amortecedor formado por céspede artificial e pranchas e unha ampla variedade de xogos, entre os que se inclúen unha tirolesa, un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, un bambán con forma de cesto, unha zona de xincana, paneis lúdicos para xogar ao tres e o catro en raia, un labirinto inclusivo e varios bambáns con resortes.
A zona de descanso disporá de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de ping-pong, dúas mesas con taboleiros para xogos de mesa (xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.
As obras de creación do novo parque infantil de Médico Ballina teñen un prazo máximo de execución de tres meses dende o seu inicio.
Relacionadas:
-
As obras do parque infantil da rúa Médico Ballina, por fin en marcha
Por Alejandro Espiño |
-
O Adif autoriza a construción do parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
A burocracia administrativa atrasa a xaneiro o parque infantil de Médico Ballina
Por Alejandro Espiño |
-
O parque de Médico Ballina empezará a construírse en agosto
Por Redacción |
-
Médico Ballina estreará parque infantil en tres meses
Por Redacción |