Detidos os ladróns dun móbil e unha carteira cando a vítima pagaba o rescate para recuperalos
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo os presuntos autores do roubo dun teléfono móbil e unha carteira que subtraeran o pasado martes do interior dun vehículo estacionado en Poio. Trátase dun home e unha muller que foron sorprendidos infraganti cando pretendían cobrar o rescate pactado co propietario para devolverlle os efectos que lle roubaran.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, o operativo púxose en marcha por mor da denuncia presentada polo propietario do vehículo despois de fracasar o pago do rescate de 40 euros, que pactara cun dos autores, a través do seu propio teléfono, para recuperar os efectos que lle subtraeran.
Pactouse novamente o pago do rescate que pedían para recuperar o móbil e a carteira, o cal debería efectuarse durante a tarde deste mércores nas inmediacións dun centro comercial.
Protexido por un discreto dispositivo de seguridade, o propietario do vehículo acudiu ao momento acordado e á hora convida, onde foron detidos os presuntos autores. Un deles, posiblemente o autor material do roubo, pretendeu darse á fuga nunha moto ao ser detectado nunha rúa próxima ao centro comercial. A rápida reacción do dispositivo conseguiu interceptalo e detelo coa colaboración dun axente da Policía Local de Pontevedra, que pasaba circunstancialmente polo lugar, cando se atopaba de paisano e fóra de servizo.
A motocicleta que pilotaba fora roubada días antes en Vigo e no momento da detención levaba consigo o teléfono móbil que subtraeran.
Momentos despois procedíase á detención da moza cando lle facía entrega ao dono do coche da súa carteira, coa documentación, pero sen o diñeiro.
Trátase dunha parella: o home de 39 anos, veciño de Poio, cun amplo historial delituoso, entre os que figura o roubo dun coche, subtraído en Cambados, que aparecera totalmente calcinado en Fragamoreira e a moza, de 25, veciña de Pontevedra, relacionada co consumo habitual de estupefacientes.
A muller foi posta en liberdade en sede policial e o home pasou este mércores ao dispor do xulgado de instrución de garda de Pontevedra, que decretou a liberdade provisoria con cargos.