Unha muller confesa que acosou durante catro anos ao primo do seu marido morto e asume seis meses de multa
Por Natalia Puga
Unha muller recoñeceu no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra que entre 2013 e 2017 realizou distintas accións dirixidas a "inquietar e alterar o normal desenvolvemento" da vida do primo do seu marido, un home que lle axudou economicamente cando quedou viúva e ao que empezou a acosar ao ano seguinte coa "intención de menoscabar a súa tranquilidade".
A muller, Giselly A.O., sentou no banco dos acusados como suposta autora dun delito de acoso e, tras chegar a un acordo de conformidade coa Fiscalía, recoñeceu todas as acusacións que pesaban sobre ela e aceptou unha condena que implica o pago dunha multa de 540 euros (seis meses a tres euros diarios) e unha orde de afastamento da súa vítima.
O primo do seu marido falecido renunciou a pedir unha indemnización polo acoso sufrido, pero non a esa orde de afastamento. A muller non poderá achegarse a menos de 100 metros del, a súa casa, o seu lugar de traballo ou calquera punto no que se atope e tampouco poderá comunicarse con el por ningún medido durante un ano.
A orixe deste caso que este xoves chegou a xuízo no edificio xudicial da Parda está no falecemento do marido da acusada no ano 2012. Tras enviudar e quedar nunha difícil situación económica, o primo o que fose o seu marido empezou a axudala e empezou a realizar tarefas no seu domicilio.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía que a acusada recoñeceu como certo, no ano 2013 o home manifestoulle que non quería iniciar ningunha relación de tipo sentimental con ela e nese momento empezou o acoso.
Tal e como ela recoñeceu, en varias ocasións presentouse no seu domicilio para dicirlle que lle ía a denunciar por causarlle malos tratos e nunha delas foise tras mollala cunha mangueira. Ademais, presentouse en múltiples ocasións no lugar no que el desempeñaba o seu traballo e algunha vez revolveu o interior do furgón que utiliza. En xuño de 2017 chegou a causar danos nunha das xanelas da casa do home, tratando de violentala cunha panca e tamén atascou a fechadura da porta introducindo pegamento.
O relato dos feitos inclúe que polo menos en dúas ocasións presentouse na súa casa e procedeu a verter aceite dunha garrafa sobre a auga da piscina e que en agosto de 2017 presentouse no seu lugar de traballo e pediulle diñeiro, dicíndolle que ía sacarlle todo o diñeiro que tiña.
A Fiscalía sostén que estas condutas influíron notablemente no normal desenvolvemento da vida ordinaria do home, obrigándolle en ocasións a pernoitar no domicilio dunha das súas fillas ou a abandonar os lugares en que se atopaba cando ela aparecía, de modo que en xullo de 2017 acabou denunciando na Comisaría da Policía Nacional e o caso acabou no xulgado.