O PSdeG pide un pleno extraordinario da Deputación en apoio aos afectados polas preferentes
Por Redacción
O grupo do PSdeG-PSOE na Deputación de Pontevedra rexistrou na mañá deste luns unha petición para a celebración dun pleno extraordinario o próximo luns día 8. Con esta xestión da resposta á petición realizada polas plataformas de afectados polas preferentes de toda Galicia nas catro institucións provinciais.
No caso de Pontevedra, este Pleno celebraríase logo de que o venres 28 de xuño os afectados reventaran a sesión plenaria e o presidente provincial, Rafael Louzán, decidira finalmente celebrala a porta pechada.
As distintas plataformas de afectados polas preferentes mantiveron o domingo unha xuntanza na que decidiron solicitar a todos os grupos políticos das catro deputacións galegas a celebración dun Pleno extraordinario o luns día 8, ao mesmo tempo nas catro entidades provinciais.
A intención das plataformas é que as catro deputacións mostren dun xeito unido e igualitario o apoio a os afectados polas preferentes de NCG Banco. Esta idea parte da intención de que secunden a negativa á quita aprobada polo FROB que se confirmará escasos días despois da celebración do pleno.
O grupo provincial do PSdeG-PSOE na Deputación de Pontevedra remitiu un escrito ao presidente da institución pedíndolle a celebración deste pleno extraordinario e recorda que con esta petición "demostra, unha vez máis, o apoio dos socialistas ás iniciativas dos afectados polas preferentes".