A Deputación quere que a Xunta asuma a metade dos gastos da Escola de Cantería de Poio
Por Natalia Puga
A situación actual e futura da Escola de Cantería de Poio centrará este venres o Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra a través dunha moción presentada polo Partido Popular sobre a que o debate está asegurado. Os 'populares' reclamarán ao Goberno provincial que inste ao central a homologar os estudos do centro e o grupo provincial do PSOE acaba de anunciar que votará a favor.
Ese voto favorable dos socialistas non supón que estean dacordo coa postura do PP. De feito, o portavoz do grupo socialista na Deputación, Carlos López Font, anunciou este xoves o voto lembrando que o PP leva tres décadas de contradicións sobre este tema e sen actuar para a homologación do título a pesar de que tivo competencias nos gobernos da Deputación, a Xunta de Galicia e o Goberno central.
Ademais, Font anunciou que no próximo Pleno, previsto para dentro de dúas semanas, o PSOE presentará outra moción sobre o tema na que instará á Xunta de Galicia a iniciar os trámites para a transferencia da Escola de Cantería, a sumarse ao expediente para a creación dos ciclos de FP e á creación inmediata dos certificados de profesionalidade no marco da lexislación laboral, así como a unha terceira actuación: asuma como mínimo o 50% do orzamento anual do centro.
López Font quere que a Xunta de Galicia comparta os gastos e, antes de que a competencia do centro se transfira á Xunta, "nada mejor que la voluntad política de financiar al menos la mitad de la Escuela".
En canto á moción do PP deste venres, busca que a Deputación reclame do Goberno de España a creación de dous ciclos de FP coincidentes cos estudos que actualmente se imparten na Escola de Cantería de Poio. Os socialistas apoiarán a moción porque consideran que o importante é que se creen os dous ciclos medio e superior.
Agora ben, o PSOE quere deixar claro que unha vez creados os títulos, a Xunta deberá encargarse do centro, pois pasará a ser un centro de FP que imparte ensinanza regrada e administración provincial non pode impartir ensino regrado.
O deputado provincial aproveitou para criticar todo o que non fixo o PP durante os últimos anos e que cando o bipartito PSOE-BNG chegou á Deputación se atopou con que o centro carecía de licenza de actividade. En relación con esta última circunstancia, sinalou que a Deputación tivo que asumir unhas obras valoradas en 440.000 euros, pois o edificio non cumpría as normas sobre incendios, accesibilidade ou contaminación acústica.
Agora están tramitando a licenza de actividade diante do Concello de Poio e está previsto que este próximo martes o asunto se ditamine na Comisión de Urbanismo de Poio. Se todo vai ben, a licenza municipal será outorgada o próximo día 24.
O socialista insistiu nas contradicións do PP e lembrou que a Escola de Cantería pasou a depender da Deputación en 1982, só uns meses antes da chegada de Mariano Rajoy á Presidencia. A pesar de que foi presidente ata 1986 e de que logo foi ministro de Educación e Cultura entre 1999 e 2000 e presidente do Goberno entre 2011 e 2018, "tras tantos años de máxima responsabilidad, no hizo nada".
Relacionadas:
-
Máis alumnado no novo curso da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A oficina do ORAL integra todos os seus servizos nunha nova páxina web
Por Redacción |
-
A Deputación quere falar coa Xunta da transferencia da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Corporacion provincial pide unanimemente a homologación do título de cantería
Por Oskar Viéitez |
-
O PP reclamará á Deputación que inste ao Goberno central a homologar os estudos da Escola de Cantería
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PSOE lembra ao PP que a Xunta debe asumir a titularidade da Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |
-
Visto bo ás obras que permitirán iniciar os trámites para que a Escola de Cantería poida ter titulacións oficiais
Por Redacción |
-
O BNG pide cooperación á Xunta e Deputación para salvar a Escola de Cantería
Por Manu Otero |