Ponte Caldelas impulsa o emprendemento feminino no rural
Por Redacción
O concello de Ponte Caldelas oferta 9 charlas sobre o emprendemento rural e a motivación para levar a cabo proxectos de iniciativas locais innovadoras e 2 obradoiros de redes sociais aplicadas á procura de emprego e a empregabilidade no rural. As charlas terán lugar os martes dende o vindeiro, o 27 de setembro, ata o 15 de outubro e pasarán polas 9 parroquias que compoñen o concello de Ponte Caldelas co fin así, según o alcalde Andrés Díaz, "de chegar a toda a veciñanza en igualdade de oportunidades".
As 9 charlas, chegarán ás nove parroquias, e serán impartidas de forma gratuíta e dirixidas a todas aquelas persoas interesadas (mulleres e homes) na temática, sendo realizadas en todas as parroquias de Ponte Caldelas, en horario de mañá e tarde. Polo que as persoas poden acudir ao lugar que lle resulte máis convínte. Para os obradoiros de redes sociais haberá que inscribirse previamente. Estes dous obradoiros serán impartidos no Centro Cultural de Ponte Caldelas.
As charlas e obradoiros serán impartidos por FADEMUR (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia), que teñen anos de experiencia en formación e orientación cara o emprego e autoemprego no rural. As charlas teñen unha duración de 2 horas cun compoñente práctico, é dicir, que os contidos se poidan aplicar á nosa realidade rural.
O alcalde de Ponte Caldeas ten claro que "o concello ten moito potencial para levar a cabo proxectos innovadores, iniciativas locais que as veces non saen adiante por falta de información, apoio ou acompañamento, con estes obradoiros agardamos que sexan moitas as iniciativas que saian adiante".
FADEMUR leva facendo este traballo en outros municipios de Galicia, polo que o Concello anima a veciñanza a aproveitar esta oportunidade e acudir ás charlas, que "serán participativas e de seguro que delas nacerá algún proxecto".
Esta iniciativa está financiada polo Ministerio de Presidencia, polo Fondo Social Europeo, pola FEMP e polo Concello de Ponte Caldelas.