A loita contra a "impunidade" será un dos eixos da área de Memoria Histórica da Deputación
Por Redacción
A loita contra a "impunidade" e a "reivindicación das ideas vixentes antes do golpe de estado do 36" serán os eixos da programación e das actividades que a área de Memoria Histórica da Deputación desenvolverá no vindeiro mandato. Así llo trasladou a deputada María Ortega aos representantes de vinte entidades de memoria no encontro mantido este xoves como primeira toma de contacto.
A responsable nacionalista sinalou a importancia de tercer unha rede de coñecemento e colaboración na que os colectivos e a administración provincial manteñan unha comunicación constante que permita desenvolver un proxecto plurianual con actividades propias de difusión, divulgación e homenaxe, tendo en conta o trinomio "memoria, xustiza e reparación".
Ortega destacou a importancia de dar pulo non só á investigación e difusión das vítimas "dente a parte humana e do drama persoal", senón tamén a "sacar peito dun modelo de sociedade e de país que quedou truncado co alzamento fascista".
"Co golpe mataron un modelo adiantado de país e hai que reivindicar esas ideas tanto dende unha perspectiva de xénero como de clase, porque son o xerme do que somos hoxe e vislumbran o que poderiamos ter sido", dixo Ortega.
A deputada responsable de Memoria tamén destacou o compromiso da Deputación contra a loita contra a impunidade e adiantou que nese sentido centraranse –entre outros- os actos institucionais vencellados ao vindeiro 12 de novembro.
Pola súa banda, representantes dos colectivos de memoria histórica subliñaron a importancia de traballar dirixíndose á xente moza por medio dos currículos escolares, algo que a propia deputada considerou fundamental e asegurou ter previsto tratar no seu plan de actividades.
No encontro participaron as seguintes entidades do movemento memorialístico na provincia: A.C.Vagalume (A Estrada); Alén-Nós (Redondela); Amigos de Johan Carballeira (Bueu); Arbo Memoria Histórica; A Regaduxa (Memoria Histórica de Vilaboa); ARMH 28 de agosto (Cangas); ARMH de Marín; Asamblea republicana de Vigo; Asociación viguesa pola memoria histórica do 36; Ateneo de Moaña; Capitán Gosende (Cerdedo-Cotobade); Fundación Alexandre Bóveda; Iniciativa cidadá pola memoria (Vilagarcía); Instituto de Estudos Miñoráns; Memoria de Mos; Memoria de Valga; Sempre con vós ; Sinhor Afranio (Lalín); CeAqua e IGM.