O parque de bombeiros recibirá un investimento de dous millóns de euros en seis anos para mellorar instalacións e medios
Por Natalia Puga
O aumento do número de traballadores e a ampliación do parque móbil e os equipos do servizo municipal de Bombeiros de Pontevedra nos últimos anos motivou que se faga necesaria unha ambiciosa actuación para a mellora das instalacións do parque e da dotación de medios materiais. Para acometela, o Concello anuncia un investimento de 1,9 millóns de euros entre os anos 2020 e 2026.
A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, deu a coñecer estes venres a situación actual do servizo e as actuacións previstas de cara aos próximos seis anos, unha inxección económica que busca mellorar a calidade na prestación do servizo e tamén as condicións laborais dos propios traballadores do mesmo.
Á hora de elaborar o calendario de investimentos, o Concello tivo en conta as necesidades que priorizaron os propios traballadores, sen perder de vista as esixencias dun servizo que debe atender as necesidades da cidade de Pontevedra, pero tamén contar con medios axeitados para atender as 15 parroquias do rural do municipio.
Segundo a información facilitada pola concelleira, estes investimentos serán financiados con fondos propios e con cargo aos fondos recadados a través da ordenanza de contribucións especiais procedentes do convenio asinado entre o Concello e o Consorcio de seguros. Aspiran a que o 90% dos custos do proxecto se sufraguen por esta última vía.
O plan de actuacións a seis anos comezará en 2020 cunha mellora nas instalacións -a continuación afrontarase a mellora de medios-. Así, no próximo orzamento municipal contemplarase un investimento de 520.000 euros para a ampliación da zona do hangar e a conexión co patio da torre, a substitución da súa cuberta, a colocación dun portalón e o peche perimetral, a ampliación das zonas comúns e de convivencia do segundo andar, a redistribución da planta baixa e a mellora de equipamentos de zonas comúns.
O principal investimento, de 300.000 euros, será para a redistribución da planta baixa, que no seu día respondía ás necesidades do servizo, pero que agora xa necesita unha reforma para acoller o traballo e os medios usados polos 40 traballadores actuais do parque.
No seguinte período, entre 2021 e 2022, as prioridades serán mellorar a galería de adestramentos e a dotación de medios. O investimento total será de 575.000 euros.
Para a fase 2023-2025 as actuacións están orzamentadas en 777.000 euros, a maioría para renovar o parque móbil; e xa para o último ano, 2026, está previsto un investimento de 100.000 euros para adquisición de equipos de protección colectiva e individual.
Relacionadas:
-
A Xustiza dá a razón ao Concello en senllos conflitos laborais coa Policía Local e os bombeiros
Por Redacción |
-
Unha comisión técnica supervisará o cambio de xestión dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción |
-
Así son as vistas desde o novo camión escaleira de 45 metros dos bombeiros
Por Cristina Saiz |
-
O servizo de bombeiros incorpora un novo camión de 398.000 euros ao parque móbil
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros de Pontevedra reforzan o seu parque móbil con tres novos vehículos
Por Alejandro Espiño |