Lores reúnese con Naturgy tras os continuos cortes de luz e avisa: "haberá que resarcir aos usuarios"
Por Natalia Puga
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha reunión con representantes da empresa distribuidora de electricidade na cidade, Natugy, a raíz das continuas incidencias e cortes de luz que se rexistraron nas últimas semanas. Ao remate da reunión, explicou que deu unha "chamada de atención" e lembrou que aínda que os problemas no subministro poidan ter xustificación ou atoparse dentro dos parámetros permitidos pola lexislación estatal os usuarios deben ser resarcidos.
"Haberá que resarcir aos usuarios", insistiu Lores en declaracións aos medios despois do encontro, celebrado este venres na sede do Concello de Pontevedra, e na que tamén estivo presente a voceira do goberno local, Anabel Gulías.
Segundo explicou, a reunión buscaba obter información de primeira man sobre os reiterados cortes de subministro eléctrico, polos que o Concello xa se queixou por escrito ante a empresa nas últimas semanas. Os responsables da distribuidora reiteráronlle os datos que xa lle enviaron nun informe por escrito nos últimos días, segundo os cales no que vai de ano non se teñen superado os límites de número de interrupcións e duración das mesmas establecidos pola lexislación.
Os responsables da empresa apelan a que algúns materiais eléctricos como transformadores, subestacións, cables ou celdillas quedaron obsoletos por ter máis de 40 anos (a súa vida útil) ou por fallos imprevistos e explicaron que xa fan un mantemento anual das redes e que xa teñen localizados distintos puntos da cidade onde acometerán renovacións proximamente.
Ademais, deron a coñecer que están a implementar un sistema de control remoto das incidencias e de redistribución da enerxía de tal xeito que ao quedar inutilizado un tramo, se poida ofrecer o servizo por outro, minimizando o impacto que calquera problema poida ter para os usuarios.
Despois de escoitar esas explicacións, Lores indicoulles que entende que se atopen dentro dos ratios legais de interrupcións anuais e que teñan problemas con certos materiais que fallen ou quedaran obsoletos nalgúns tramos, pero entende que os usuarios non deben ser os que sufran por esta situación.
Así as cousas, anunciou que o Concello iniciará unha campaña informativa cidadá para que os usuarios saiban o que teñen que facer para reclamar ante a compañía e tamén lle fixo saber á empresa que vai a estar atento a todos os problemas que existan, e manter os contactos para que avisen cando se produza algún outro problema.
Relacionadas:
-
Naturgy alerta dun corte de luz este domingo na contorna de San Antoniño para "continuar mellorando a calidade do servizo"
Por Anxo Lourido |
-
O Concello pedirá ao conselleiro de Industria que tome medidas contra Naturgy polos continuos cortes de luz
Por Anxo Lourido |
-
Unha nova avaría deixa sen luz a 850 casas de Mourente, Marcón e Tomeza
Por Redacción |
-
Acordo do Concello con Fenosa para trasladar o transformador do colexio de Barcelos
Por Redacción |
-
Animan aos afectados a reclamar indemnizacións polos cortes de luz
Por Alejandro Espiño |
-
Novas incidencias eléctricas no centro urbano durante a final do Mundial de baloncesto
Por Anxo Lourido |
-
Indignación contra Naturgy en Pontevedra ante o enésimo apagón na cidade
Por Redacción |
-
Naturgy asegura que Pontevedra está "entre as primeiras de España" en calidade de subministración eléctrica
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello considera unha "tomadura de pelo" os cortes de luz e esixe solucións a Naturgy
Por Alejandro Espiño |
-
Novo corte eléctrico de máis de 4 horas de duración no centro da cidade
Por Redacción |
-
Dúas avarías provocan cortes de luz, algúns de máis de 3 horas, en numerosos puntos da cidade
Por Redacción | Creada e actualizada