A ofrenda á Peregrina e a tradición de "ter os mortos agochados nas cunetas"
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular quedouse só na súa reclamación para que a Deputación de Pontevedra manteña a ofrenda institucional á Virxe Peregrina que se celebra cada ano durante as festas de Pontevedra. A moción dos populares foi rexeitada polo Partido Socialista e o BNG.
Durante o debate deste asunto no Pleno celebrado este venres, o Partido Socialista evitou a refrega, sinalando o seu portavoz, Carlos López Font que "frente al ruido el silencio", en referencia ao intento do PP de alimentar a polémica creada pola portavoz municipal do BNG en Pontevedra, Carme da Silva, ao criticar á Deputación por participar na ofrenda relixiosa.
O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera criticou que o PP "se agarre a unha tradición que ten unha orixe nacionalcatolicista" censurando que é "profundamente anacrónico" que unha institución pública participe neste tipo de actos relixiosos en pleno século XXI. "O razoable sería que esta Deputación se desvinculase", propuxo Mosquera que considera que "todo isto das ofrendas é puro fariseísmo".
"Tamén foi tradicional ter os mortos agochados nas cunetas, mantemos esa tradición? "e engadiu a continuación "Tamén foron tradicionais os nomes de rúas adicadas a Francisco Franco, mantémolas?", preguntou o vicepresidente provincial.
A portavoz do PP, Pepa Pardo, dirixiuse aos deputados socialistas para recriminarlles que é "incomprensible que el PSOE vaya a votar en contra de una moción cuando ustedes han participado y han ido todos con Abel Caballero a la procesión del Cristo de la Victoria" o que entende que é unha "contradición" e unha "hipocrisía".
Igualmente, lamentou que nesta "moción amable de apoyo a las tradiciones de Pontevedra" o Bloque mesturase "el tocino con la velocidad, cosas que no tienen nada que ver de una manera absolutamnte torticera" o que considera que supón unha "falta de respeto y de educación tremenda".
Relacionadas:
-
O PP busca que o Pleno da Deputación apoie a ofrenda á Virxe Peregrina que critica o BNG
Por Redacción |
-
O Bloque acusa ao PP de querer volver ao "nacionalcatolicismo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Manter a ofrenda institucional á Virxe Peregrina, petición do PP ao goberno da Deputación
Por Redacción |
-
A concelleira de Festas, sorprendida pola ofrenda da Deputación á Virxe Peregrina: "Nós cremos no laicismo"
Por Redacción |
-
Invocación á Virxe Peregrina, como patroa da provincia, para construír "unha sociedade máis xusta e de dereitos"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |