Desarticulan un importante punto de venda de drogas nunha vivenda de Poio
Por Redacción
Este venres, axentes da Garda Civil lograban desarticular un importante punto de venda e distribución de substancias estupefacientes nunha vivenda do municipio de Poio. Durante a investigación, o operativo confiscou máis de dous quilos de estupefacientes, substancia de corte, varias básculas de precisión, ademais dunha importante cantidade de diñeiro en efectivo.
Os axentes tamén detiveron tres persoas, entre eles atopábase o responsable da vivenda. Detívoselles como presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
As investigacións iniciáronse no mes de maio dentro da operación 'Triunfo'. O 24 de agosto, a Garda Civil detiña a un mozo, veciño de Pontevedra, que foi sorprendido circulando nunha motocicleta na estrada PO-308, ao seu paso polo municipio de Poio. O mozo portaba máis de 20 gramos de cocaína, segundo indica a Garda Civil.
A partir dese momento iniciouse un dispositivo de vixilancia na contorna a unha vivenda situada en Poio como posible centro de venda e distribución de estupefacientes a pequena escala.
As sospeitas convertéronse en indicios ao comprobar as actividades que se desenvolvían nos arredores do domicilio e polas actas de aprehensión que se realizaron aos consumidores habituais que se achegaban á vivenda.
Durante este venres, os axentes desenvolvían a intervención coa entrada e rexistro do inmoble, tutelada polo Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.
No interior da vivenda atopáronse 137 gramos de cocaína, preto de 600 gramos de marihuana, algo máis de 1.200 de haxix e 246 de substancia de corte. Tamén se aprehendieron 2.100 euros en efectivo, tres básculas de precisión, seis teléfonos móbiles e un vehículo.
Detívose á persoa que residía na casa como presunto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas que pasará este sábado a disposición xudicial. Durante a tarde do venres arrestábase tamén á súa parella, que quedaba en liberdade despois de prestar declaración no Posto da Garda Civil de Pontevedra.