Requisan 60 mochilas e máis de 200 prendas de roupa falsificada no mercado ambulante de Marín
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Marín confiscaron este xoves máis de 60 bolsos e mochilas e máis de 200 pezas de roupa falsificada en dous postos do mercado ambulante que se celebra todas as semanas na contorna do Mercado de Abastos.
Sobre todo, o material requisado era de tipo deportivo, incluíndo diferentes marcas con equipamentos de diversos equipos de fútbol. Un dos comerciantes aos que se lle incautaba a mercadoría, veciño de Vigo, foi detido por realizar a venda de forma ilegal ao carecer da licenza administrativa que outorga o Concello para a venda ambulante. Posteriormente quedou en liberdade á espera do ditame xudicial.
Ademais da intervención da mercancia e da denuncia ante a autoridade xudicial por un delito contra a propiedade industrial, a Policía Local tramitou dúas denuncias administrativas por infraccións á ordenanza municipal de venda ambulante.
As patrullas do corpo de seguridade de Marín intensificaron a vixilancia e os controis neste espazo durante as últimas semanas, debido ás queixas e avisos recibidos por parte da Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos.